O IES de Ponte Caldelas, gañador da III edición do Club de Debate

62

O salón de actos do Café Moderno viviu esta mañá unha interesante e vibrante final do Club de Debate da que saíu gañador o IES de Ponte Caldelas. O elevado nivel dos dous institutos finalistas: A Xunqueira I e Ponte Caldelas, fixo moi complicada a resolución do xurado que tivo que consultar as bases do Club para ver si era posible acordar un empate.

Ao non estar recollido nas bases, foi finalmente o IES de Ponte Caldelas o que gañaou esta final, que lle permite asistir á final galega do Club de Debate.

Cabe lembrar que nesta III edición do Club de Debate participaron 47 alumnos dos institutos: Valle Inclán, Poio, A Xunqueira I, Ponte Caldelas e IES Luís Seoane que debatiron sobre “A democracia actual permite a participacion cidadá?”. O tema de debate da final foi “A lingua galega precisa ter un estándar?”.

Integraron o xurado:

• Álvaro Xosé López Mira profesor de Ciencia Política no Grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra; autor de A Galicia irredenta (1998) e Portugal, a rexionalización imposible (2002), entre outros.
• Manuel Artime, docente na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e membro da Aula Castelao de Filosofía.
• Anxos Sobriño, técnica do Equipo Lingüístico da Audiencia Provincial
de Pontevedra e membro da Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística (CTNL).
• Ástrid Filgueira, docente, especialista en lingua galega e membro da Rede de Entidades Amigas de Lingua (REAL).
• Ernesto Vázquez-Rey Farto, membro da Comisión de seguimento do Plano de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e vicecoordinador da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito desta mesma universidade.

O Club de debate rematou coa entrega de premios que foi a continuación da proposta do xurado. Os premios son:

• IES Ponte Caldelas: un vale de 500 euros para o equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego e participar na fase final galega.
• A Xunqueira I: un vale de 300 euros para os membros do equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego.


O IES de Ponte Caldelas enfrontarase na final galega cos outros 4 equipos seleccionados nas semifinais comarcais que abranguen os 12 concellos que, xunto co de Pontevedra, participan neste Club de Debate 2012:

• Da comarca da Coruña os concellos: A Coruña, Betanzos, Carral,
   Carballo e Oleiros.
• Da comarca de Compostela os concellos: Ames, Rois, Santiago de
   Compostela e Teo.
• Da comarca de Ferrolterra: As Pontes e Ferrol.
• Concello de Vigo.
• Concello de Pontevedra


Con esta actividade, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario, busca dinamizar do uso da lingua galega mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade.