Pontevedra volve ser referencia deportiva en toda España. As piscinas do complexo Rías do Sur, en Ponte Muíños, acollerán durante esta fin de semana o Campionato de España para nadadores/as mozos/as.
A competición foi presentada hoxe nas instalacións deportivas nun acto presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e no que participaron o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a deputada provincial, Begoña Vázquez e outras autoridades.
O alcalde destacou a proxección de Pontevedra como cidade de eventos deportivos e a repercusión desta política municipal a nivel turístico e mesmo social.
As probas congregarán en Pontevedra a preto de 700 deportistas e a unhas 300 persoas máis entre delegados e adestradores dos preto de 200 clubs participantes. A maiores, hai que contar cos familiares e acompañantes dos nadadores, encadrados nas categorías Infantil e Junior.
Agustín Fernández destacou que as cifras do impacto hoteleiro serán espectaculares e anticipou que, en todo caso, xeraranse máis de 4.500 pernoctas nos hoteis de toda a comarca, dado que a afluencia mínima de 1.000 persoas que move este Campionato terá que durmir durante catro días en Pontevedra. As probas comezan o venres e rematan a última hora da tarde do domingo. Isto obrigará, engadiu, a coller os voos de regreso durante a mañá do luns.
TRIATLÓN
Por outra banda, o alcalde e o concelleiro de Deportes participaron nunha xuntanza preparatoria do Campionato de España de Triatlón que a cidade acollerá no próximo mes de setembro. Asistiron a Federación Galega, a Secretaría Xeral de Turismo e o Concello. Escusou a súa asistencia a Deputación Provincial.
Agustín Fernández explicou que tratouse dunha primeira toma de contacto, na que o Concello xa anticipou que financiará integramente a proba clasificatoria, que se celebrará a finais de xullo. O concelleiro indicou que trátase dun evento moi interesante porque están convocados os triatletas de todo o Noroeste español.
En canto ao Campionato de España todas as partes concordaron na necesidade de seguir traballando para aclarar o financiamento da proba. A Secretaría Xeral para o Deporte comprometeuse a estudar o asunto. En canto á Deputación non hai novas ao non ter asistido.