Proba en galego ofrece mañá a conferencia de Valentina Formoso sobre o galego no comercio

75

A primeira actividade pública da campaña de promoción do uso do galego no comercio local, incluído dentro do program Proba en Galego que puxo en marcha a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos empresarios locais, é a conferencia “A situación actual do galego no comercio” de Valentina Formoso Gosende, que a impartirá mañá, xoves, 16 de febreiro, no Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra a partir das 21.00 horas.

Valentina Formoso Gosende ofrecerá unha  conferencia na que analizará a situación actual do galego no sector do comercio.  O acto está aberto ao público, aínda que está especialmente dirixido á persoas  que traballan no ámbito do comercio local e da pequena empresa. 

Valentina Formoso traballou no Servizo de Normalización Lingüística da  Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago de Compostela en tarefas  como a dinamización do uso da lingua ou a elaboración de vocabularios. Realizou  un extenso traballo de investigación sobre o uso do galego nas empresas que  serviu de base para a súa tese de doutoramento A lingua galega no ámbito  empresarial: usos e representacións sociolingüísticas, presentada no ano 2005. 

Ademais, é autora de artigos como “Apuntamentos sobre a lingua galega na empresa  no século XX” (Madrygal, 2004) ou “Propostas de dinamización relacionadas coa  economía e a empresa” (Madrygal, 2010). 

Durante o relatorio, Valentina Formoso analizará, desde a súa experiencia  persoal como investigadora, os problemas e prexuízos que pexan o uso do galego  no comercio, así como as vantaxes e estratexias que levan a moitas empresas a  empregaren a lingua galega como lingua de atención á súa clientela. 

Actividades de dinamización do empresariado e do comercio local

Esta conferencia abre un ciclo de actividades que a Concellaría de Normalización  Lingüística do Concello de Pontevedra programou como resultado das demandas  formuladas no grupo de traballo da campaña Proba en galego. As charlas, presentacións e obradoiros desenvolveranse durante os meses de  febreiro, marzo e abril de 2012. Teñen como obxectivo principal incidir na  normalización do uso do galego no sector do comercio e da pequena empresa.
Ao  longo de 6 sesións analizarase e reflexionarase sobre as vantaxes do uso do  galego nas relacións comerciais e empresariais; ademais, presentaranse  estratexias e boas prácticas para mellorar a comunicación coa clientela e coas  empresas colaboradoras. A asistencia estará aberta ao público en xeral, especilamente ás persoas que  traballan no ámbito do comercio e da pequena empresa. 

Proba en galego é unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do  Concello de Pontevedra para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da  pequena empresa. Con esta campaña, o Concello de Pontevedra dálle continuidade  ao labor que desenvolve para normalizar o uso do galego no sector económico con  actuacións específicas que se veñen realizando desde o ano 2006.

Os obxectivos de Proba en galego son:
• Dinamizar o uso do galego como lingua normal de comunicación no comercio e na  pequena empresa Implicar as persoas que traballan no sector do comercio e da pequena empresa na  mellora do uso do galego coa clientela e coas empresas provedoras
• Ofrecer espazos de reflexión e traballo para mellorar a calidade da lingua e a  seguridade no seu uso no sector
• Estimular a clientela falante de galego para que manteña a súa lingua nas  relacións comerciais
• Animar a clientela que non fala galego habitualmente a que probe a facelo
• Facer visible o uso da lingua galega nas relacións comerciais que se establecen  na cidade
• Darlles continuidade ás campañas específicas para incrementar o uso do galego no  comercio local e na pequena empresa que a Concellaría de Normalización  Lingüística vén desenvolvendo desde o ano 2006

 

Ver documento PDF