A Concellería de Deportes estima en medio millón de euros o retorno económico directo do Campionato de Natación

41

As expectativas están cubertas ou superadas. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, constatou que a celebración do Campionato de España de Natación para Mozos en Pontevedra está a supor uns magníficos resultados para a cidade de Pontevedra e, por extensión, para toda a bisbarra.
A organización, a cargo do Club Galaico, confirmou ao Concello que a inscrición pechouse cun total de 756 nadadores. A eles hai que engadir 330 delegados e adestradores dos clubs e, finalmente, en torno a 1.000 acompañantes entre familiares e amigos. Polo tanto, máis de2.000 persoas achegáronse a Pontevedra atraídas por este evento deportivo.
A estancia nos hoteis da cidade e a bisbarra é de catro días (xoves a domingo, ambos incluídos). O concelleiro de Deportes obtivo hoxe confirmación a través de Turismo de Pontevedra de que os hoteis de Pontevedra están cheos, cun 100% de ocupación. Resulta imposible atopar habitación e iso é algo que hai que valorar especialmente porque estamos falando de temporada baixa e do mes de febreiro, destacou Fernández. As consultas confirmaron tamén que a inmensa maioría das persoas aloxadas en Pontevedra están en réxime de pensión completa.
Agustín Fernández explicou que o súbito peche de Spanair complicou os desprazamentos, sobre todo dende Cataluña, de tal xeito que algúns clubs contrataron autocares. Moitos deles estanse tamén a ocupar estes días do transporte dos deportistas dende a cidade ou a bisbarra ata a piscina. Tamén se está a producir unha crecente actividade no sector do taxi.
A partir de todos estes datos, a Concellería de Deportes calcula nun mínimo de 500.000 euros o retorno económico directo xerado en toda a bisbarra polo Campionato de España de Natación para mozos/as.
A cifra non ten en conta o valor da promoción turística da propia cidade. Hai que pensar que unha gran parte destas 2.000 persoas non coñecían Pontevedra. Xa se está a notar a súa presenza cun incremento de consultas na Casa do Turista. Ademais, recalca Fernández, están a gozar dun tempo magnífico e, de seguro, que se converten en altofalantes moi activos dos atractivos desta cidade.