Cogami xestionará seis quioscos na cidade

78

O Concello de Pontevedra asinou esta mañá o contrato con Cogami para a concesión directa de seis quioscos na cidade de Pontevedra. Até o de agora Cogami explotaba tres quioscos (avenida de Vigo, Rosalía de Castro e a praza de Galicia) e agora pasará a rexentar tres máis: na praza de Barcelos, na praza do Mestre (entre Pai Amoedo e avenida de Bos Aires) e na praia fluvial.

A sinatura fíxoa o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga. A explotación será até o ano 2016 coa posibilidade dunha prórroga de cinco anos. As obrigas de Cogami é manter o quiosco en bo estado e facilitar e limpar os aseos públicos.

Unha das prioridades do Concello é traballar con persoas con discapacidade e facilitar a súa inserción laboral por iso faise unha adxudicación directa, atendendo á súa función social.

Cogami ofrecerá traballo a 13 persoas con estes quioscos. "Agradecemos que se adopten medidas como esta porque as administracións teñen que protexer as persoas máis febles da sociedade, especialmente agora en época de crise", asegurou Anxo Queiruga.