O Concello subsana todas deficiencias da Escola Infantil de Monte Porreiro e confía que o Consorcio a abra o 1 de marzo

71

O Concello de Pontevedra lamenta ter que volver a aclarar inexactitudes por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ao respecto da Escola Infantil de Monte Porreiro.

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, encargada da área das escolas infantís no concello de Pontevedra, lembra que hai unhas semanas o Consorcio púxose en contacto co Concello para consensuar unha data para a inspección do edificio. A concelleira respostoulle que a escola estaría lista para inspeccionar a partir do día 17 de febreiro, polo que por ambas partes acordouse facer a inspección na mañá de hoxe -como tal foi-, unha vez pasado o entroido.

Esta mañá fíxose unha visita á Escola infantil de Monte Porreiro por parte da Inspección de seguridade, da concelleira Carmen Fouces e dos técnicos municipais responsables da construcción. Logo de recibir moitos parabéns por parte da inspectora que chegou a recoñecer que poucas escolas atopábanse nas condicións da de Monte Porreiro antes de abrir as súas portas, acordouse por ambas partes substituír as proteccións dunhas luminarias por uns globos de iluminación e poñer un estractor nun cuarto de baño.

A concelleira Carmen Fouces lembra que estes pequenos traballos fanse nunhas poucas horas, e o Concello os acometerá de inmediato, o luns que vén, ao ser posible, de tal xeito que a escola poida estar aberta o día 1 de marzo, como estaba previsto.

A Concellaría quere desmentir categoricamente que nesta visita se detectara algunha outra deficiencia por parte da inspección. De feito, as deficiencias que agora relata o Consorcio Galego aos medios de comunicación malintencionadamente, non se atopan no escrito que o pasado 17 de outubro remitiu ao Concello de Pontevedra (á Concellaría de Benestar Social Municipal) para subsanar.

Cabe lembrar que naquel documento facíase un relatorio de deficiencias causadas polo peche da escola durante máis dun ano, dado que o Consorcio non quixo facerse cargo do edificio ata este momento. Todas aquelas deficiencias alí relatadas están subsanadas a día de hoxe, e a Concellaría non ten constancia máis que as propostas que hoxe lle trasladou en persoa a propia inspección: o extractor do cuarto de baño e as luminarias.

Recepción do edificio e entrega das chaves

Ao longo da xornada de hoxe, a concelleira Carmen Fouces mantivo varias conversas co xerente do Consorcio Galego de Benestar. Nunha delas convidouno a participar o próximo luns, 27 de febreiro, na sinatura de recepción da Escola Infantil de Monte Porreiro e recibir nese mesmo momento as chaves da escola. O xerente declinou este convite, polo que o Concello enviará a acta de recepción da escola por valixa e tamén as chaves.

A Concellaría de Benestar Social recibiu un oficio do Consorcio esta semana, no que se lle informaba da documentación oficial que tiña que achegar o Concello para ceder a Escola Infantil de Monte Porreiro. Dende aquela recolleuse toda esta documentación e aprobarase na Xunta de Goberno Local o luns 27 de febreiro, tal e como manda a normativa.

A continuación e con carácter de urxencia reunirase a Comisión de Patrimonio, ás 12.30 horas, para asinar esta adscrición e darlle o edificio ao Consorcio. Foi a este acto ao que se convidou ao xerente para entregarlle as chaves na man. Ao non ser así, o Consorcio non dará por recibida a escola ata que chegue na valixa oficial toda a documentación e as chaves, trámite que se podería solucionar coa presenza dun representante do Consorcio na citada comisión.

A concelleira de Benestar Social lembra que o Concello non pode autorizar a ningunha empresa privada –polo tanto, a que vai a xestionar a escola- a entrar no edificio da Escola Infantil de Monte Porreiro antes de que a escola estea nas mans da Xunta. Non se trata dunha empresa concesionaria nin adxudicataria do Concello, polo que a autoridade municipal non o pode permitir ata que o luns se faga o trámite de entrega do edificio.

Ver documento PDF