Por que non en galego? A utilidade no comercio

95

O Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra (rúa Blanco Porto, 9, 1º andar) acolle mañá, 28 de febreiro, ás 21.00 horas o obradoiro Por que non en galego? A utilidade lingüística no comercio. A  asistencia está aberta a todas as persoas interesadas que traballan na pequena  empresa e no comercio local.

A sesión, dunha hora de duración, abordará os prexuízos e estereotipos asociados  á lingua galega e ao seu uso no ámbito das relacións comerciais. O obradoiro  será participativo, cun enfoque lúdico; a través de xogos de rol as persoas que  asistan á sesión poderán enfrontarse a diferentes situacións que se dán a cotío  arredor do uso do galego. A resolución das situacións traballaranse por medio de  debates e postas en común. 

Este obradoiro terá continuidade na sesión programada para o 13 de marzo, baixo  o título Estratexias e boas medidas para tratar situacións complexas. Ambas as  dúas sesións estarán impartidas por Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, unha  empresa especializada na formación e na creación de contidos dentro do ámbito da  normalización lingüística. 

Esta actividade formativa encádrase dentro do calendario de eventos organizados  pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en  colaboración co grupo de traballo da campaña Proba en galego, que busca promover  o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa. 

As charlas, presentacións e obradoiros teñen como obxectivo principal incidir na  normalización do uso do galego no sector do comercio e da pequena empresa. Ao  longo das 6 sesións analizarase e reflexionarase sobre as vantaxes do uso do  galego nas relacións comerciais e empresariais; ademais, presentaranse  estratexias e boas prácticas para mellorar a comunicación coa clientela e coas  empresas colaboradoras.

A asistencia estará aberta ás persoas do ámbito do comercio e da pequena  empresa. Pódese consultar o calendario completo aquí: Proba en galego. Programa  de actividades de febreiro a abril de 2012
  <https://probaengalego.blogaliza.org/files/2012/02/CARTEL-OBRADOIROS-E-CHARLAS.pdf>