Vía libre para a construción do edificio do Centro de Recursos e Axencia Administrativa da ONCE

51

A Comisión de Urbanismo ditaminou favorablemente a construción do edificio que albergará o Centro de Recursos Educativos (CRE) e a Axencia Administrativa da ONCE na parcela cedida a esta organización dentro da Unidade de Actuación 18.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, celebrou que por fin chegue este momento, co que se da cumprimento ao convenio asinado entre o Concello e a ONCE no ano 2008 despois dunha longa tramitación. A execución do inmoble, orzamentado en preto de 3,4 millóns de euros, está xa condicionada unicamente ao depósito dunha fianza de 35.000 euros para garantir a conservación das beirarrúas.
Louro destacou a importancia deste investimento e o posicionamento que gaña a cidade de Pontevedra no mapa dunha organización da relevancia social da ONCE. Pontevedra incorpórase a unha rede de ensino especial no que só están Madrid, Barcelona, Sevilla e Alacante. De xeito que a atención para todo o Noroeste de España realizarase na nesta cidade. Ao tempo destacou que non é baladí o dato da situación na cidade da Axencia Administrativa provincial.
O edificio erguerase nunha parcela de 5.455 metros cadrados. Terá tres andares sobre rasante (baixo máis dous). A superficie construída total será de 2.600 metros cadrados e contará con aparcamento para uso propio do inmoble. Antón Louro adiantou que a construción do aparcamento soterrado de uso público previsto no convenio executarase nunha segunda fase.
O CRE é un centro cuxa finalidade é permitir que a experiencia didáctica dos seus profesionais e os recursos didácticos e materiais adquiridos sexan o soporte técnico necesario para atender as necesidades educativas dos alumnos cegos e deficientes visuais graves escolarizados en centros ordinarios, das súas familias, dos propios centros escolares e dos profesionais que os atenden. A Axencia Administrativa é a sede da ONCE na provincia para todos os fines sociais e laborais.

O proxecto

A entrada principal ao inmoble organízase pola fachada Oeste, mentres que o acceso ao garaxe e á Sala de Usos Múltiples é pola Sur.
A fachada Sur consiste nun patio que proporciona iluminación e a parte máis senlleira do inmoble. Inclúe un patio axardinado e con árbores. Terá unha pequena fonte e estanque. As súas cristaleiras poderán abrirse.
O soto acollerá o aparcamento para uso do edificio, con 28 prazas.
No andar baixo estará a Axencia, cos seus servizos administrativos, sanitarios, graduado social, etcétera.  Está distribuído en  vestíbulo de entrada, sala de Usos Múltiples con posibilidade de uso externo con acceso independente desde o exterior, Museo da actividade docente da ONCE e tenda.
Contén, ademais, parte dos servizos xerais do CRE (maquinaria de Braille e encadernado, reprodución térmica, transcrición de textos, maquinaria de son, cabina de gravación, etc.). Finalmente queda delimitada polo núcleo de ascensores e o patio-xardín con árbores, plantas aromáticas e un estanque-fonte.
No andar primeiro estará a Dirección, equipo psicopedagóxico, asistente social, oftalmólogo, óptico, orientación e mobilidade, oito postos de traballo para mestres, salas para encontros confidenciais e sala para os representantes dos traballadores e prevención de riscos laborais.
Ten un espazo exterior que servirá para recreo ou esparexemento así como para actividades ao exterior. Este espazo leva unha zona cuberta, pero de necesitarse poderíase cubrir e/ou pechar en maior superficie.
No andar segundo situaranse as aulas para rehabilitación integral, tiflotecnoloxía e informática, música, atención temperá, técnicas instrumentais, técnicas manipulativas e outras. Estará tamén a sala de lectura.
Finalmente, o edificio inclúe un deseño plano para a cuberta. Aquí están situados os paneis solares, as instalacións de climatización, o torreón de ascensores e un taller para o mantemento.