Os xogadores da S.D. Teucro dan consellos aos escolares sobre saúde, alimentación e actividade física

80

Os rapaces dos colexios de Parada (Campañó) e San Bieito de Lérez foron os primeiros en recibir a visita dos xogadores da Sociedade Deportiva Teucro para aconsellalos sobre a relación directa que unha boa alimentación e a práctica do deporte teñen na nosa saúde.
Miguel Porto e Jorge da Silva foron os encargados da primeira charla-conferencia en Campañó e dúas horas despois, xa en Lérez, incorporouse a eles o porteiro do equipo azul, Milan Calic.
De aquí ata finais de abril serán 10 os colexios que acollerán a actividade que organiza a Concellería de Deportes. O seu responsable, Agustín Fernández, foi o encargado de abrir a actividade que tivo un gran éxito entre os rapaces e rapazas. De feito, estaba destinada unicamente aos alumnos/as de Terceiro e Cuarto de Educación Primaria, pero acabaron sumándose bastantes alumnos de Quinto curso a iniciativa dos seus profesores.
“Saúde, alimentación e actividade física” é un proxecto educativo elaborado desde a Sociedade Deportiva Teucro, coa finalidade de responsabilizar aos escolares na promoción da súa saúde. Unha alimentación pouco saudable e o non practicar actividade física con regularidade son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes e ambas son modificables. Estes hábitos inícianse ós tres ou catro anos e establécense a partir dos once, cunha tendencia a permanecer ó largo da vida. A infancia é, por elo, un período crucial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van ser determinantes do estado de saúde do futuro adulto.
A xornada da actividade consiste nunha charla-obradoiro na que se transmiten os principais contidos conceptuais da unidade didáctica. Conclúe coa entrega a cada neno/a un kit de merenda saudable, ademais de diverso material para o profesorado para traballar na aula.
A próxima cita é o venres, 2 de marzo, ás 10 horas, no colexio de Campolongo.