O Local de Música xa ten vídeo promocional

33

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, e o Local de Música presentaron esta mañá o novo vídeo promocional do Local de Música de Pontevedra realizado por Producciones Mutantes durante unha gravación na rúa o pasado 11 de febreiro. O vídeo fíxose, entre outros, a partir das actuacións na rúa dos grupos Nigerstella, Pi graos, All less one.

Este vídeo promocional do Local poderase ver na rede a partir do vindeiro luns, 5 de marzo, e proxectarase en exclusiva este sábado, 3 de marzo durante do Local de Música Fest que acollerá o Teatro Principal.

A Concellaría de Xuventude e o Local de Música organizan o sábado o Local de Música Fest que pretende visibilizar na cidade os resultados e avances da aposta pola creación musical de base que o Concello de Pontevedra pretende desde o proxecto do Local de Música.

O Local de Música Fest terá dúas partes diferenciadas: o primeiro encontro de Locais de ensaio municipais, pensado para un público máis técnico, e o primeiro concurso do Local de Música, que se celebrará no Teatro Principal, e pensado para o público en xeral.

O primeiro encontro de locais de ensaio municipais parte do interese que día a día van amosando outros concellos na xestión e dinamización do Local de Música de Pontevedra, como fonte para os seus propios proxectos.

O primeiro Concurso do Local de Música desenvolverase no Teatro Principal entre as 18.00 e as 22.00 horas.

Dentro do Local de Música Fest deseñouse o concurso de grupos ou solistas para visibilizar a escena local de Pontevedra, tanto de grupos emerxentes coma de grupos noveis. Este concurso busca poñer en valor a creación musical de base organizando un evento nun edificio emblemático da cidade como é o Teatro Principal. Deste xeito poderase presentar á comunidade unha mostra da escena musical independente da cidade nun espazo emblemático e representativo; ofrecer aos grupos noveis oportunidades para darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística; ofrecer aos grupos participantes a oportunidade de conseguir un material audiovisual especial e relevante que apoie a súa estratexia promocional.

Os grupos que participan son:

• All less one
• Meigha
• Nigerstella
• PDA (Pus de Alce)
• Skirl
• Swallow`s Kiss
• The Caxtons
• The Grave Dolls

O festival pecharase cunha actuación do grupo convidado 1000demonios, unha Big Band nacidade no propio local de ensaio.

A entrada é de balde, pero será preciso ter entrada previa que se pode obter no Local de Música ou ben o mesmo día do Festival na billeteira do Teatro Principal. Dado que o gañador do concurso decidirase por votación do público, será necesario ter entrada para poder votar.