O Plan de Mobilidade comezará a executarse pola ponte dos Tirantes

57

A sede da Policía Local acolle esta tarde a reunión do Foro de Mobilidade A Xunqueira- Río Lérez presidida polo concelleiro de Mobilidade, Luís Bará. Nesta reunión á que están convocadas a Universidade, os centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria de todo este ámbito, asociacións de veciños e comunidades de montes, así como outros organismos con sede nesta zona, presentaráselles as propostas que está a estudar a Concellaría de Mobilidade no ámbito da Xunqueira, do Burgo e do río.

Luís Bará anunciará que a primeira actuación do Plan de Mobilidade que porá en marcha do Goberno Local será a reordenación do entronque da avenida de Bos Aires coa ponte dos Tirantes. Segundo o proxecto que están a valorar os técnicos municipais, plantéase a supresión dos dous carris de tráfico máis próximos ao río na avenida de Bos Aires e no seu inmediato entonque coa ponte dos Tirantes.

O tráfico canalizarase polos dous carrís máis próximos á unidade de Tafisa, que pasarán a ter dobre sentido de circulación.

Esta solución permite mellorar a seguridade tanto de peóns, como de bicicletas e tamén de vehículos na rotonda da ponte dos Tirantes. Ademais, gáñase un gran espazo verde para continuar o paseo peonil e de bicicleta da avenida de Bos Aires que remata abruptamente neste punto. Tamén permite entroncar o carril-bici da avenida de Bos Aires co que está previsto habilitar na ponte dos Tirantes ao eliminar un dos carrís de circulación no sentido cara o Pazo da Cultura.

Neste punto tamén se actuará calmando o tráfico, eliminando barreiras arquitectónicas e mellorando a seguridade ao crear pasos de peóns elevados nos dous extremos da ponte dos Tirantes e no entronque de José Malvar.

Na actualidade os técnicos municipais están a valorar o custe desta obra para determinar si se acomete por fases ou nunha sóa actuación. Pero é a primeira das actuacións do Plan de Mobilidade que acomete o Goberno Local dado que se trata dun espazo moi transitado e que non dispón de medidas de calmado do tráfico.

Na reunión tamén se abordarán outros aspectos do Plan de Mobilidade neste ámbito que se cometerían no futuro como a prolongación do carril-bici pola rúa Rafael Areses ou a negociación co Ministerio de Fomento para a cesión ao Concello do tramo urbano da avenida de Compostela (entre as rotondas).

Tamén se estudará o futuro da ponte do Burgo ou medidas de mobilidade no acceso ao campus como a colocación dun paso de peón elevado entre o IES A Xunqueira I e a Escola Oficial de Idiomas. Tamén se propondrá a reordenación da semi-rotonda que dá acceso aos viais interiores do campus, e se explicará a proposta do acceso directo ao campus dende a avenida de Compostela.