Agustín Fernández desexou sorte aos deportistas da selección de marcha de Guatemala

69

Os seis atletas que compoñen a selección de Guatemala de marcha atlética, que está concentrada en Pontevedra preparando o Campionato de España, foron recibidos polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
A delegación chegou encabezada polo seu adestrador, o cubano Lino Rigoberto Medina, toda unha lenda neste deporte. No seu currículo destaca o feito de ter sido o adestrador do multicampeón ecuatoriano Jefferson Pérez.
Rigoberto Medina optou por adestrar en Guatemala, pese a ter ofertas moi importantes doutras federacións de maior potencial económico. O seu traballo ao fronte da selección guatemalteca xa está a dar os seus froitos, pois despois de 56 anos sen medallas de ouro nos Xogos Panamericanos, na última edición a representación deste país acadou dous ouros, unha prata e un bronce.
O adestrador gabou as condicións de Pontevedra como punto de concentración. Buscaban un clima máis fresco que o do seu país de orixe para preparar non só a Olimpiada, senón tamén as dúas citas que chegan antes, como o torneo internacional de Lugano (Suíza) ou a Copa do Mundo, en Rusia.
Medina destacou que a selección guatemalteca é un equipo moi novo, con idades comprendidas entre os 20 e 25 anos, pero xa cun palmarés envexable. Mesmo non descarta algunha medalla en Londres. De feito, catro dos atletas xa están clasificados e os outros dous agardan obter a mínima IAFF en Pontevedra. O adestrador adianta que van tentar levar á cita olímpica un equipo con tres mulleres e tres homes. Ao tempo, quedarían repartidos en tres marchadores de 20 Km e outros tantos de 50 Km, o que sería un fito para o seu país.
Os deportistas xa clasificados para Londres son: Jamy Amarilis Franco, actual campioa panamericana e posuidora do récord panamericano; Erik Bernabé Barrondo, campión panamericano de 20 Km e décimo clasificado no último Mundial de Daegu 2011; Mirna Sucey Ortiz, medalla de prata nos Xogos Panamericanos, e, finalmente, Jaime Daniel Quichu, medalla de bronce de 50 Km nos Xogos Panamericanos. Pola súa banda, chegan a Pontevedra coa intención de obter a mínima IAFF Mayra Herera Pérez e Aníbal Paau.