A Concellería de Deportes e Aspace estudan fórmulas de colaboración

37

Atopar puntos de encontro entre a práctica do deporte e a solidariedade cos enfermos de parálise cerebral é o obxectivo que hoxe fixaron o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e a xerente da Asociación de Paralíticos Cerebrais (Aspace), Ana Prieto.
Nunha xuntanza que será a primeira dunha serie de contactos, o concelleiro comprometeuse a valorar a posibilidade de integrar a colaboración con Aspace nos eventos deportivos que organiza o Concello. A fórmula máis sólida pode pasar por algún xeito de integración da colaboración solidaria dentro do circuíto de carreiras populares que Deportes está tratando de articular e que podería botar a andar este ano ou, como moi tarde, o ano próximo. Un recargo mínimo na cota de inscrición para o circuíto ou a creación dunha carreira solidaria dentro do circuíto son algunhas das alternativas baralladas.
Agustín Fernández amosouse encantado de poder xuntar esforzos e encontrar acomodo á solidariedade, dentro da programación da Concellería de Deportes.
Pola súa banda, Ana Prieto destacou que a crise económica está poñendo moi difícil o desenvolvemento de programas por parte das asociacións que traballan polos máis desfavorecidos. Resulta case imposible obter apoios económicos de empresas e institucións e, por tanto, hai que ser creativos. Non buscamos grandes apoios, dixo, senón colaboracións ata onde se poda de xente que cre no que facemos.

Estímase que en Galicia hai máis de 5.000 persoas con parálise cerebral.