A nova campaña de promoción do Mercado de Abastos apela ao “glamour” do acto de comprar

95

Unha proposta diferente serve este ano para fundamentar a campaña de promoción da Praza de Abastos de Pontevedra. Baixo a lenda “Glamour Pontevedra no Mercado Municipal” preténdese remarcar o atractivo de comprar nunha instalación na que abunda o produto de calidade e a boa atención, mesmo para os clientes máis esixentes.
Unha muller vestida cun traxe negro, tacóns e pose afectada sae do Mercado acompañada de distintos placeiros vestidos coa bata branca e o mellor xénero nas mans dan soporte gráfico á campaña que, a partir de agora, será visible polos paneis publicitarios dos MUPI da cidade.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, subliñou que xógase co humor, pero sen perder de vista que a mensaxe principal é a calidade tanto no produto como na atención ao público. “Temos un dos mellores mercados de Galicia”, destacou, e hai que presumir disto.
Á presentación da campaña asistiron a presidenta da Asociación do Mercado de Abastos, Manoli Domínguez e o membro da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Javier Veiga.
Román destacou a aposta por unha imaxe pouco convencional, pensada para impactar e captar a atención nunha sociedade atafegada pola sobreinformación. A apelación ao humor nunha imaxe dominada por unha personaxe excéntrica co fondo da arquitectura da Praza compoñen unha mensaxe que, estamos certos, chegará con facilidade.