Pontevedra celebra o Día 8 de marzo

93

A Concelleira de Igualdade, Lola Dopico presentou esta mañá a campaña institucional que organiza o Concello de Pontevedra con motivo do Día Internacional da Muller, 8 de marzo. Lola Dopico explicou que está enfocada no entorno laboral da muller e a repercusión que nos seus dereitos terá a recente reforma laboral.

Baixo o slogan: “Futuro, traballo, estabilidade, tamén son os nosos dereitos”, celebrarase na Casa das Campás, a partir das 18.00 horas, a lectura de textos vencellados a este contexto.

Están convocadas todas as asociacións vinculadas ao mundo da muller, así como outras entidades, persoeiros,… Tamén poden participar os cidadáns anónimos chamando previamente ao CIM para reservar o seu oco neste acto.

No tempo tamén coincidirán outras iniciativas como a do día 7 para cando está prevista unha conferencia sobre Mulleres mariscadoras: traballo e creatividade. Será no Valle-Inclán a partir das 20.00 horas.

Tamén está previsto para o día 10 a performance “Facendo historias de muller” a partir das 18.00 horas na praza da Peregrina.