Pontevedra será a sede da Vuelta Ciclista a España no sur de Galicia a finais de agosto

46

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá a reunión sobre a Vuelta Ciclista a España que chegará á cidade o vindeiro 26 de agosto para quedarse ata o día 30. Presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e coordinada polo xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, na reunión participaron diversos directivos e responsables de Unipublic, empresa organizadora da volta, como Pedro Lezaun, director de producción e Abraham Olano, director técnico.

Na reunión desta mañá concretouse a estancia da Vuelta Ciclista a España na cidade. O alcalde explicou que logo de rematar a etapa entre Andorra e Barcelona, arredor das 17.30 horas, os equipos viaxarán en avión cara Pontevedra e chegarán á cidade ese día 26 de agosto. Arredor de 400 persoas pernoctarán na cidade ese día.

O día 27 é xornada de descanso, e o día 28 Pontevedra será protagonista na volta cun paso cara Sanxenxo arredor das 15.00 horas. Neste caso, os ciclistas entrarán por Rosalía de Castro, Fernández Ladreda, General Rubín, Campolongo, Avenida de Raíña Vitoria, Alameda, Echegaray e ponte da Barca.

O día 29 de agosto Pontevedra será o escenario da chegada da única contrarreloxo da Vuelta Ciclista a España, duns 40 kilómetros. A saída será de Cambados arredor das 13.30 horas, e cada dous minutos sairá un corredor. A organización solicita que o percorrido na cidade esté pechado dende ás 10.00 horas ata o seu remate entre 17.00 ou 18.00 horas.

Nesta etapa os ciclistas accederán á cidade pola ponte da Barca, Alfonso XIII, Concepción Arenal, Arcebispo Malvar, praza de España, Michelena, Peregrina, praza de Ourense, Cobián Roffignac, Pai Amoedo, avenida de Bos Aires, ponte dos Tirantes, Rafael Areses e avenida de Compostela. A chegada estará entre as rotondas do Pavillón de Deportes e a de Pasarón. O centro operativo da Organización da volta estará no Pazo e no Recinto Feiral.

O alcalde destacou que este é un evento importantísimo para a cidade de Pontevedra porque supón a chegada de 1.200 persoas (entre equipos e organización) que pernoctarán catro noites na cidade, ademais dos medios de comunicación e outros siareiros que acompañen a volta.

Esta presenza na cidade supón unha proxección exterior moi importante xa que están confirmadas a emisión por 147 canais de televisión internacionais, e se está pendente de confirmar outros canais.

En canto á emisión estatal, está comprometida a emisión polo canal Teledeporte, cando menos, das últimas dúas horas da etapa, polo que Pontevedra entraría tanto no paso do día 27 como na etapa contrarreloxo.

Ademais, o alcalde destacou a importancia de que Pontevedra acolla un evento deportivo de tal relevancia como a volta nunha cidade esencialmente deportiva o que suporá un grande espectáculo en vivo para os pontevedreses.

A Policía Local xa traballa nos operativos de tráfico, seguridade, limpeza… e outros servizos que serán necesarios para un perfecto desenvolvemento da etapa e para que as ducias de persoas que acudan a vela, podan gozar dela en condicións de seguridade. O propósito do grupo da Policía Local habilitado para coordinar a chegada da volta á cidade é ter pechado estes operativos antes do verán.