A Concellería de Educación investiu 161.649 euros no colexio de Barcelos

86

O colexio de Barcelos mellorou substancialmente as súas instalacións co remate dunha serie de obras acometidas pola Concellería de Educación. O seu responsable, Agustín Fernández, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado da substitución dos falsos teitos e luminarias, a reforma dos aseos e vestiarios, cambio de ventás no torreón e instalación do mostrador de Conserxería, un paquete de actuacións valorado en 161.649 euros.
Fernández destacou o forte investimento realizado polo Concello nos colexios durante os últimos anos, un compromiso que foi moito máis alá do deber legal de mantemento e conservación. O colexio de Barcelos é unha boa mostra disto, posto que dende 2008 acolleu investimentos municipais por valor de 220.000 euros.
Ata o de agora, destaca o concelleiro de Educación, o Concello era a única institución que daba resposta ás peticións da comunidade educativa e realizaba melloras nos colexios, pero a crise económica obriga a que asumamos as obras que nos corresponden legalmente e sexamos máis restritivos á hora de acometer o tipo de melloras que faciamos ata o de agora. A Xunta de Galicia, opina Fernández, terá que comezar a ocuparse do que é a súa competencia, porque o seu investimento nos colexios de Pontevedra durante esta lexislatura é cero.
Por outra banda, Agustín Fernández aproveitou para anunciar que a Concellería está a executar ou executará un total de 23 obras en colexios públicos de Pontevedra durante este ano. A lista non está pechada e incorporará algunhas novas actuacións.
As de maior envergadura son as correspondentes ao colexio de Santo André de Xeve, coa execución do novo muro-cerramento exterior; Vilaverde (Mourente), coa instalación de cuberta nas beirarrúas interiores; Xunqueira I, onde se rematará a carpintaría exterior; Vidal Portela, arranxo das entradas e Campolongo, remate da substitución integral dos falsos teitos.
A maiores, a Concellería de Educación executará outras actuacións de menor complexidade:
No colexio Fina Casalderrei xa se construíu unha beirarrúa no patio superior para salvar un tramo de terra que se encharca con frecuencia; estase a pintar a estrutura metálica no patio; completarase a cuberta sobre a pasarela traseira; substituirase a grella dos sumidoiros e xa se ampliou o areeiro da zona de xogos dos máis cativos.
No colexio de Verducido pintaranse as aulas de Educación Infantil.
Na Xunqueira I construiranse novos sumidoiros na parte traseira do patio e conectaranse á fosa séptica; ademais, repararase o muro de formigón.
Na Xunqueira II efectuarase unha reparación xeral de beirarrúas ao redor do patio.
No Vidal Portela acábase de pintar o pasillo do segundo andar e a fachada da entrada lateral esquerda.
No colexio Vilaverde (Mourente) estanse a reparar as escaleiras exteriores de acceso ao patio cuberto.
En Cabanas (Salcedo) pintouse a estrutura metálica da cuberta do patio, reparáronse os canalóns e retirouse a base de formigón das fontes.
No Concepción Crespo Rivas executaranse dúas drenaxes transversais no patio de area polo paso que dá ao Campolongo; limparase e impermeabilizarase a cuberta do depósito de gasoil e limparase o muro exterior de formigón.
No colexio de San Martiño (Salcedo) vaise pintar e colocar paneis de cortiza (“corcho”) no comedor.