Aspace escolle Pontevedra para celebrar o Día da parálise cerebral

73

O alcalde de pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión cos representantes de Aspace-Galicia (Asociación galea de Parálise Cerebral), que ten a súa sede en Pontevedra dende o ano 1999.

Aspace quere celebrar na primeira semana de outubro de 2013 o Día da Parálise Cerebral na cidade de Pontevedra. É unha convocatoria aberta a todas as asociacións do Estado polo que poderá supoñer a visita dunhas 400 persoas.

O alcalde comprometeu a colaboración do Concello coa posta a disposición das distintas sedes municipais, especialmente do Pazo da Cultura, pero tamén outras actividades como visitas guiadas. O alcalde lembrou que Pontevedra é unha cidade ideal para a celebración deste tipo de eventos, porque se atopa entre as cidades máis accesíbeis de España.

No encontro tamén abordaron outros temas como a posibilidade de colaboración na promoción das actividades de Aspace para que sexa máis coñecida na sociedade. Para iso, a asociación pensa en celebrar un ano adicado á parálise cerebral.

Aspace tamén lle solicitou ao Concello un espazo disponible para desenvolver a súa actividade no concello, ao que o alcalde contestou que “estamos encantados de atender todas as demandas que nos cheguen, pero teñen que ter en conta que non podemos chegar ao cen por cen de todas as demandas, que son moitas. Se xurde algunha posibilidade, os teremos nos nosos pensamentos”.