Carlota Román anuncia aos clubs o importe dos contratos de publicidade de “Turismo de Pontevedra”

49

Os 10 clubs e deportistas patrocinados por “Turismo de Pontevedra” foron recibidos hoxe pola concelleira de Turismo, Carlota Román García, na Casa da Luz para comunicarlles a próxima sinatura dos correspondentes convenios e explicar os trámites necesarios para proceder ao cobro das cantidades.
A concelleira lembrou que cúmprese así o compromiso acadado e no prazo comprometido, posto que, dende o primeiro momento, recalcouse que os contratos se asinarían unha vez que estivera aprobado e en vigor o orzamento municipal de 2012.
A pesar do impacto da crise económica, afirmou Carlota Román, queda claramente demostrada a aposta municipal polo apoio ao deporte local.
O recorte aplicado é de só un 10%, destaca Román, quen tamén quixo recordar que o seu compañeiro, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, conseguiu reducir a un testimonial 2,45% a rebaixa que se introduce este ano nas subvencións que se reparten a través do Instituto Municipal de Deportes para o deporte base e a actividade federada.
A edil subliñou que o seu equipo administrativo estivo a traballar na busca da mellor fórmula para a axilización dos pagos, que quedarán pechados a finais de xuño, o que supón un importante adianto sobre o calendario de pagos dos anos anteriores. Esta fórmula, engadiu, é froito da sensibilidade coa situación económica dos clubs.
“Penso que cumprimos, e cunha magnífica nota, o noso compromiso co deporte e a palabra dada aos clubs”, concluíu Román.
A relación de beneficiarios é a seguinte:
Pontevedra Club de Fútbol, 54.000 euros; Sociedade Deportiva Teucro, 50.400 euros; Club de Baloncesto Arxil, 22.500 euros; Mareantes Rugby Club Pontevedra, 9.000 euros; Club Natación Galaico, 21.600 euros; Sociedad Gimnástica de Pontevedra, 18.000 euros; Club Cisne, 18.000 euros; Leis 26 Pontevedra Fútbol Sala, 22.500 euros; Tenis de Mesa Monte Porreiro, 4.500 euros e Celso Míguez Pereira, 4.500 euros.