O proxecto Trigal intentará fabricar pan integramente pontevedrés a medio prazo

35

"Un orgullo para Pontevedra e unha iniciativa de fondo calado económico nestes  momentos de crise". Así saudou o alcalde o proxecto Trigal, impulsado pola  Asociación de Panadeiros Artesáns, para tratar de producir na comarca o trigo co  que elaborar o "Pan da Vila", un produto para o que no seu momento se perseguirá  a denominación de orixe. 

Foi no decurso dunha entrevista co presidente e o tesoreiro do gremio dos  panadeiros artesáns, liderado por Rogelio Acuña, que espuxeron ao alcalde as  liñas que seguirán para conseguir a trazabilidade do seu produto, conscentes  como son de que teñen que diferenciarse das grandes cadeas de distribución  alimentaria, que utilizan pan conxelado para ofrecer aos seus clientes. 

O gremio dos panadeiros artesáns establecerá un sistema para que os propietarios  de fincas agrarias sementen e cultiven o cereal galego, co compromiso de  compralo para elaborar con él o Pan da Vila, denominación que ten desde xa un  produto que será presentado na proxima Feira do Pan, a celebrar entre o 23 e o  25 de marzo na Praza de España. 

Os prazos que se barallan para ter o primeiro trigo callobre pontevedrés remiten  a mediados do próximo ano, xa que a semente debe ser entre novembro e decembro,  e a colleita arredor de xullo de 2013. 

Un pan que procede da Masa Nai que nacía o pasado 1 de marzo no antigo balneario  de Monte Porreiro, á beira do Lérez, mesturando fariña galega con auga do río.  Chegará a todas as panaderías da cidade convenientemente fermentado e cocido, e  dotado dunha vitola especial, símbolo da súa calidade.