Tres novas rúas con historia para Pontevedra

43

O pleno de Pontevedra aprobará o vindeiro luns, 19 de marzo, unha nova proposta de nomamento de tres rúas e prazas da cidade. A proposta xa foi ditaminada por unanimidade por parte da Comisión de Cultura.

As rúas que se incorporan con nome ao rueiro da cidade son:

A rúa da Sequiña. Situada no barrio de Valdecorvos, é o vial principal que une a avenida de Lugo (estrada de Ourense) con José Malvar.

A rúa das Hortas. A continuación da rúa Teixoeira, é a ponte e o vial que une a rúa Teixoeira con Pintor Laxeiro (ata agora coñecida coloquialmente como a ponte dos xulgados).

A praza dos Canos. A praza que estará na rúa Amado Carballo, no ámbito do antigo cuartel da Garda Civil.

O nome destas novas rúas e prazas da cidade escolleuse logo dunha longa investigación por parte dos técnicos da Concellaría de Cultura que beberon no Catastro do Marqués da Ensenada, no Arquivo Municipal, no Catastro de Pontevedra e tamén no Arquivo Histórico da Xunta de Galicia.

No caso da rúa das Hortas, escolleuse o nome dado que a maior parte das leiras que había nesta zona rexistradas no Catastro do Marqués da Ensenada tiñan diversos nomes encabezados polo nome Horta.

A rúa da Sequiña, tamén escollido do Catastro do Marqués da Ensenada, era o nome dunha das leiras da zona, a máis ampla, e pola súa proximidade ao barrio da Seca.

En canto á praza dos Canos, as fontes non son tan antigas. A documentación permitiu coñecer que a actual parcela pertencía ao antigo dono de Monte Porreiro, Casimiro Gómez. Eran dúas leiras que tiñan por nome Caños de arriba e Caños de abaixo porque na zona había varías fontes, por iso se escolleu o nome de praza dos Canos.