Carlota Román entrega os diplomas aos empresarios participantes no curso de Márketing online

57

Os 30 empresarios locais que participaron no “Obradoiro de Comunicación, Márketing online, Redes Sociais e máis…” que ofreceu a Concellería de Promoción Económica, recibiron hoxe os diplomas de asistencia de mans da responsable do departamento municipal, Carlota Román.
O curso, que terá unha segunda parte dentro de dúas semanas cun novo grupo formado por outros 30 empresarios, foi impartido por unha das maiores expertas españolas nesta materia: a exdirectora de Comunicación de Google en España e Portugal, Paz Pérez Pernas.
Carlota Román destacou que tratouse dun curso gratuíto que tiña como obxectivo abrir a comercios e negocios locais as múltiples posibilidades da Internet e, moi particularmente, das redes sociais. A concelleira explicou que o labor do seu departamento é poñer enriba da mesa todas as ferramentas posibles para mellorar a competitividade das empresas pontevedresas.
Conceptos como o posicionamento en buscadores, presenza en redes sociais ou a xestión da comunicación cos clientes online a través da figura dun “community manager” estiveron sobre a mesa durante estes tres días. O taller achegou aos comerciantes ás ferramentas de comunicación e márketing máis importantes para vender ou mellorar a reputación online a través de Facebook, Twitter, YouTube ou Linkedin. Explorouse tamén a publicidade a través de Google AdWords ou Facebook Ads. Tamén falouse polo miúdo da importancia de ter en conta o crecente mercado que se abre coa chegada dos smartphones.
Paz Pérez Pernas, especialista en “coaching” de comunicación e márketing online e offline. Ten máis de 30 años de experiencia. Ademais do seu paso por Google, foi asesora de Comunicación na Secretaría de Estado de Comercio e Turismo. É creadora dun portal de formación online e tamén do máster Community Manager Plus que se imparte en varias cámaras de comercio españolas. Ao longo da súa carreira profesional ten prestado asesoramento a máis de 2.000 empresas.