O Concello cede unha parcela a Xoán XXIII para construír unha residencia e centro de día

46

O Concello de Pontevedra cederá á Asociación Juan XXIII dúas parcelas cunha superficie total de 3.450  metros cadrados para a construción dun centro de día e dunha residencia para discapacitados. Esta parcela está ao lado das actuais instalacións da Asociación Juan XXIII en Campolongo.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asinou esta mañá un acordo de colaboración coa presidenta da asociación, María Teresa Fernández Cabaleiro, para a cesión deste terreo. No prazo dun ano está previsto que o Concello faga unha modificación do planeamento para axustar o terreo aos requisitos urbanísticos deste centro de día-residencia, ademais de preparar as escrituras para a cesión do terreo. Mentres, Xoán XXIII comprométese a ir elaborando o proxecto de construción e a búsqueda de financiación para os novos edificios con prazas para 45 persoas.

O alcalde destacou que "é unha boa noticia para Pontevedra e para as persoas con discapacidade". De feito, anunciou que o Concello seguiría traballando na integración como a ampliación do contrato de atención a zonas verdes da cidade.

Pola súa banda, María Teresa Fernández asegurou que a sinatura desta mañá "é un hito importante para Pontevedra e hoxe é un día luminoso para os discapacitados".