Antón Louro revisa cos veciños as carencias da rúa de Estrigueiras e o barrio de Fontesanta

62

Un paseo cos veciños e os técnicos municipais deu paso ao comezo do proceso para a rehabilitación da rúa das Estrigueiras e o barrio de vivendas sociais de Fontesanta, un amplo espazo inmediato a Campolongo e situado a escasos metros do centro urbano e que presenta un estado inaceptable, en palabras do tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro.
A resultas da visita, Louro encargou aos técnicos do Concello a elaboración dun proxecto técnico para abordar melloras neste ámbito, que terán como único condicionante, tal e como se encargou de recalcar diante dos representantes veciñais, as limitacións orzamentarias.
O tenente de alcalde explicou que o Concello é coñecedor das deficiencias dos servizos en toda a zona, en especial do saneamento. O tubo que recolle todas as augas desta zona e que vai baixo o firme de Estrigueiras data dos anos 50 e está construído en gres. Non obstante, era necesario un traballo a pé de rúa cos veciños para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e reivindicacións.
A falta de beirarrúas, deficiencias nas canalizacións de saneamento e pluviais, antiestéticos tendidos eléctricos aéreos grampados ás fachadas, falla de seguridade viaria e de regulación dos aparcamentos foron as cuestións máis criticadas. Os veciños están especialmente molestos pola invasión de coches que se ten producido dende a inauguración do edificio administrativo da Xunta. Os condutores aparcan sobre as escasas beirarrúas existentes e ocupan a práctica totalidade dos espazos do barrio de Fontesanta.
Louro destacou que, aínda que os recursos municipais están “moi axustados”, é evidente que cómpre integrar esta zona co centro urbano. O responsable municipal e os técnicos municipais traballarán nos próximos meses para elaborar unha primeira fase que serva para mellorar as condicións de habitabilidade e seguridade.
O tenente de alcalde ten intención de licitar o primeiro paquete de obras de reforma urbana cara o verán ou o outono.