Os furancheiros do municipio expresan a Antón Louro a súa preocupación pola vaga de multas da Xunta de Galicia

35

Os furanchos pontevedreses queren regular a súa situación. Un grupo de representantes dun colectivo que conta no municipio con varios establecementos abertos mantivo hoxe unha entrevista co tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.
Os furancheiros están alarmados polas multas que, dende hai dúas semanas, están a impoñer os inspectores da Xunta de Galicia. Temen que, diante desta presión, non poderán vender o viño da colleita deste ano.
Antón Louro explicou que o problema radica en que a Xunta está a elaborar un Decreto regulador, do que se teñen producido varios borradores por parte de distintas consellerías (os dous últimos de Cultura e Presidencia, respectivamente). Os borradores foron distribuídos entre titulares de loureiros das provincias de Pontevedra e A Coruña. Neles inclúese un anexo dos concellos nos que se recoñece, con exclusividade, a actividade. Pontevedra non figura nesa relación.
Os concellos habilitados pola Xunta poderán redactar ordenanzas municipais reguladoras da actividade, nas que fixar criterios concretos de funcionamento dos establecementos coñecidos polas denominacións de furancho, loureiro ou abillado.
O tenente de alcalde comprometeuse a elaborar a ordenanza e regular as condicións de solicitude de apertura en canto a Xunta inclúa a Pontevedra no borrador do Decreto. Ao tempo, lamentou a indefinición sobre esta cuestión, xa que no Concello de Pontevedra non hai información algunha sobre as previsións de cara á aprobación do Decreto.
A regulación actual é un Decreto xenérico de 2008 que está a piques de quedar derrogado. Nel fíxanse os criterios de apertura que pasan por autorizacións municipal e do órgano competente en materia de Turismo da Xunta, o que, na práctica, equipara a tramitación á dos bares e cafeterías. En Pontevedra non hai, ata o día de hoxe, actividade legalizada conforme a estes criterios.
Agora, a Xunta está a elaborar un novo Decreto que cambia os trámites e determina cales son os concellos competentes ao entenderse que hai actividade tradicional. O correcto, se hai interese do sector, é comezar por incluír a Pontevedra no novo Decreto e, a continuación, tramitar unha ordenanza municipal adaptada.
Finalmente, Antón Louro animou aos furancheiros pontevedreses a constituírse en asociación para defender os seus intereses e persoarse con máis forza diante da Administración autonómica.