REAL traballa no programa Maio, mes da lingua

57

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra convocou onte pola tarde unha xuntanza da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), na  que participaron representantes de asociacións e entidades do concello  comprometidas coa lingua galega como Vaipolorrío, a Asociación Sociocultural O  Burgo, asociación Cedofeita, a revista Encrucillada, Equipo Lingüístico da  Audiencia Provincial de Pontevedra, Fundación Filgueira Valverde, Maiolongo, A  Mesa pola Normalización Lingüística, ANPA do CEIP Froebel e a Universidade de  Vigo (campus de Pontevedra).  

O tema central da xuntanza foi a programación de Maio, Mes da Lingua. Con esta  programación o Concello de Pontevedra, en colaboración con outras entidades,  promove o uso e o prestixio da lingua galega facendo visibles as actividades  arredor da lingua que durante todo o mes de maio organizan distintos colectivos  e asociacións do concello. O día 13 de abril remata o prazo para que  asociacións, colectivos e outras entidades presenten as súas propostas de  actividades para inserir no programa de Maio, Mes da Lingua.  

Ademais, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira, informou sobre actuacións que se están a desenvolver en dúas das principais  áreas de actuación da concellaría: a toponimia e a dinamización do uso do galego  en diferentes ámbitos.

A campaña Proba en Galego, está dirixida a dinamizar o  uso do galego na pequena empresa e no comercio locais. Ao abeiro desta  iniciativa, a finais do 2011, comezou a traballar un grupo de comerciantes e  pequenos/as empresarios/as da cidade para favorecer a presenza da lingua galega  nas relacións comerciais. Hai uns meses naceu o seu blog  https://probaengalego.blogaliza.org/, como ferramenta de difusión das actividades  da campaña e apoio ao grupo de traballo.  

Na reunión, tamén se avaliou positivamente o Premio Xoán Manuel Pintos 2011, que  este ano recoñeceu o labor desenvolto pola Coordinadora Galega de Equipos de  Normalización Lingüística, e o traballo continuado a prol da lingua da Aula  Castelao de Filosofía ao longo de toda a súa traxectoria.