Agustín Fernández felicita ás tres medallistas do Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra

40

As tres piragüistas pontevedresas que obtiveron medalla no Campionato de España de Inverno foron recibidas hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, quen lles expresou a súa felicitación polos resultados acadados.
Noelia Suárez Ogando e Jennifer Casal Vidal, campioas de España en categorías C-1 senior e cadete, xunto con Susana Casal Rodríguez, subcampioa C-1 de España junior chegaron acompañadas polo seu adestrador, Miguel Ángel Vilanueva Pérez.
As tres pertencen á Escola Municipal de Piragüismo e están adscritas ao Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra, que vén de obter os máximos galardóns na Liga Galega.
Agustín Fernández destacou o elevado número de deportistas neste club, o que responde á forte implantación do piragüismo na cidade.
Durante a xuntanza falouse das condicións tanto do encoro do Pontillón, como da canle do río Lérez, dúas dotacións que están en magníficas condicións para a práctica deste deporte. O valor da cultura do esforzo foi tamén  obxecto da conversa, posto que as tres medallistas pontevedresas adestran unha media de dúas horas e media diarias, unha vez rematado o seu horario escolar.
Finalmente, abordouse a preocupación existente pola seca, que ameaza con comprometer a celebración do ambicioso calendario programado pola Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo no Pontillón do Castro, que comezará xusto despois da Semana Santa e se prolongará ata finais de xullo. O concelleiro de Deportes confirmou que se están tomando medidas para tratar de garantir a integridade da pista de 1.000 metros. As tres deportistas presentes hoxe no Concello participarán en varias das probas.
Como se informou, o Concello asinou un convenio que vai permitir traer a Pontevedra catro importantes competicións:
Dúas probas da Liga Nacional División de Honor, Hernando Calleja: por unha banda, a Copa de España sénior de 1.000 metros, que se celebrará entre o 14 e o 15 de abril; e a Copa de España sénior de 200 e 500 metros, a celebrar entre o 12 e o 13 de maio.
A continuación, celebrarase a Copa de España de Cadetes Promesas de 1.000 metros, con datas previstas para o 26 e o 27 de maio.
Finalmente, chegará o momento do Campionato de España de Novas Promesas (que á súa vez é o III Campionato de España por Federacións Autonómicas nas categorías de Infantís e Cadetes), a celebrar o 28 e 29 de xullo.
Todas estas probas traerán a máis de 3.000 deportistas á cidade que, xunto con acompañantes, suporán un importante tirón para o turismo e o desenvolvemento socioeconómico.