Froitas Vilar participa mañá na campaña Proba en Galego

50

As actividades da campaña Proba en galego, de promoción do galego no comercio local, continúan esta semana coa charla de Xosé Lois Vilar, propietario de Froitas Vilar. Será mañá, 27 de marzo, ás 21.00 horas no Colexio de Xestores Administrativos (Blanco Porto, nº 9). Falará de “Experiencia práctica do uso do galego”.

Xosé Lois Vilar dedícase á venda en tendas fixas e ambulantes, é feirante de oficio, mais estudou historia facendo o itinerario curricular de prehistoria e arqueoloxía.  Ademais é un dos maiores expertos de Galicia en materias de arte rupestre e toponimia; tamén participa activamente en escavacións e actos arredor da memoria histórica.

Ten participado en simposios, congresos, charlas sobre toponimia (Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Barcelona…), impartindo conferencias en colexios e guiado multitude de visitas arqueolóxico-toponímicas. Esta vertente pedagóxica levouno a publicar con Pepe Carreiro "Os nomes do mar de Baiona a Panxón".

É membro do Instituto de Estudos Miñoranos e participa en numerosos estudos sobre a toponimia como parte do patrimonio cultural galego.