Loureiro Crespo manterá a dobre dirección

62

O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará mantivo o luns pola tarde unha reunión con veciños e comerciantes da zona leste da cidade, especialmente da rúa Loureiro Crespo para informarlles da evolución das obras do TAV nese punto da cidade e tamén das propostas que o Plan de Mobilidade incluirá ao respecto desta rúa.

Logo de recoller todas as propostas e sensibilidades ao respecto (propostas profesionais da Policía Local, dos técnicos do Plan de Mobilidade, veciños, comerciantes…), o concelleiro explicou onte que o Plan de Mobilidade recollerá que Loureiro Crespo será un vial de sentido único, sen definir se será de entrada ou saída da cidade.

Lembrou que, segundo a opinión dos técnicos, para a mobilidade da cidade a mellor opción é a de saída, pero o concelleiro de Mobilidade defenderá na Comisión de Infraestruturas que se manteña de dobre dirección por tres motivos:

  • Debido á situación perxudicial que viven os comerciantes da zona polo peche durante varios meses da rúa a consecuencia das obras do TAV. Ademais, o próximo peche da rúa da Seca, obrigará a canalizar parte do tráfico daquela rúa por Loureiro Crespo.
  • Pola situación de crise económica que está sendo devastadora no sector do comercio.
  • Porque o Concello non vai a acometer de xeito inmediato a reforma urbana no segundo tramo da rúa Loureiro Crespo (dende Doce de novembro ata a avenida de Lugo).

Estas tres motivacións permiten que a decisión de crear un vial de sentido único (sen definir a dirección) se poida postpoñer. E será no futuro (cando se reforme a rúa) o momento en que se defina o sentido do tráfico de Loureiro Crespo.

Ao que non renuncia o concelleiro de Mobilidade e o Goberno Local é a facer de Loureiro Crespo unha rúa da cidade, non unha travesía ou unha estrada como é hoxe en día, xa que ten características de estrada estatal e non de rúa de cidade como no resto de Pontevedra.

Luís Bará lembrou que ata o peche, Loureiro Crespo soportaba tráficos de máis de 23.000 vehículos diarios o que implica un problema para a seguridade viaria, para a accesibilidade, para a calidade de vida dos seus veciños e residentes…

O concelleiro expresou a súa vontade de atopar unha solución satisfactoria para todas as partes, especialmente nestes momentos de crise, pero ao mesmo tempo ver o compartamento desta rúa en relación ao tráfico para evitar que se volva a saturar de tráfico, en beneficio dos veciños, e para lograr un mellor funcionamento da mobilidade de toda a zona, especialmente da rotonda situada na rúa Doce de Novembro con Loureiro Crespo.

Ao respecto do primeiro tramo da rúa, diante do Hospital, se mantén a proposta inicia de crear un espazo semipeonil diante do Hospital e tamén de favorecer a entrada de vehículos ata Antón Fraguas.