O Goberno Local acorda tapar o xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudero

60

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará informou esta mañá que o Goberno Local descarta a posibilidade de facer un centro de interpregación na praza de Valentín García Escudero tal e como estudaron os técnicos municipais. Desbota esta posibilidade debido as dificultades técnicas da obra e tamén polo seu custe que se achegaría aos 3 millóns de euros.

Luís Bará explicou que dende o inicio deste mandato xa se descartara a posibilidade de facer o Museo da Historia nesta mesma praza xa que pasaba por riba dos dez millóns de euros, pero si se encargara aos técnicos municipais a posibilidade de musealizar unha pequena parte dos achádegos, os relativos ao peirao.

O elevado custe e as dificultades técnicas desbotan este proxecto, aínda que o concelleiro lembrou que son achádegos únicos na península ibérica e que nun futuro de mellor bonanza económica si poderían musealizarse. Mentres, o Goberno local aposta por pechar o xacemento seguindo todas as recomendacións da Dirección Xeral de Patrimonio. Instalarase unha capa xeotextil, area, xabre e logo un tratamento brando en superficie: zona verde con  paseos e incluso una zona de xogos infantís que recorden os achádegos, é dicir, un barco de grandes dimensións.

Tamén se incluirá no proxecto o soterramento do transformador de Fenosa situado nas proximidades da parcela do Colexio de Arquitectos e a recuperación da parada do autobús na zona (unha petición unánime dos usuarios).

Luís Bará explicou que o Concello inicia nestes días a tramitación deste novo proxecto, aprobación e a dotación orzamentaria para facer esta obra. Confía en que a tramitación administrativa e o proxecto poidan estar rematados neste ano.

Mentres está previsto seguir acondicionando a zona, realizar traballos de conservación e consolidación de estruturas (especialmente se o Ministerio de Cultura envía ao Concello os 100.000 euros de subvención concecido a este xacemento) e convertilo nun atractivo turístico do patrimonio histórico mentras permaneza aberto, especialmente de cara a este verán, habilitando, incluso, o museo efémero.

Ademais, o concelleiro informou que se continúan facendo traballos de mantemento no centro histórico como a retirada das tapas de rexistro rotas e a súa substitución por trampillóns; e o acondicionamento da praza do Peirao.