Comeza a poda topiaria dos tilos da avenida de Marín

69

A Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Anxos Riveiro, iniciou hoxe a poda e limpeza dos vinte tilos da avenida de Marín, a través do departamento de Parques e Xardíns. Aínda que a concellaría realizara en diversas ocasións podas de refaldo, para eliminar as ramas máis baixas, agora acomete unha poda topiaria e limpeza integral destas árbores singulares e de grande valor paisaxístico na cidade.

A poda topiaria (de estilo francés) consiste na poda rectilínea no interior dos tilos co propósito de achegar luz ao xardín interior situado baixo as árbores. Estes traballos complementaranse coa limpeza e poda exterior dos exemplares para mellorar a súa copa, a súa saúde, e a seguridade tanto da árbore como dos transeúntes que empregan a avenida de Marín como espazo de recreo e paseo.

Os traballos iniciáronse esta mesma mañá e prolongaranse durante varios días ata o seu remate. Fanse en elevador e por trepa o que fai que sexa unha tarefa moi espectacular.