Monte Porreiro mellora o acceso ao barrio coa eliminación de plantas invasoras na avenida de Bos Aires

54

A concelleira de Medio Ambiente, Anxos Riveiro e o concelleiro delegado da parroquia de Monte Porreiro, Luís Bará, visitaron esta mañá os traballos de limpeza, roza e acondicionamento que están a realizar na marxe dereita da avenida de Bos Aires, entre as pontes do ferrocarril e a rotonda de entrada ao barrio.

O obxectivo destes traballos é continuar coa mellora paisaxística do barrio de Monte Porreiro seguindo a liña de actuación iniciada no Miradoiro, e noutras zonas verdes. Trátase de trasladar á entrada do barrio a calidade ambiental que xa está instalada en Monte Porreiro, e que sexa moito máis agradábel e segura a circulación peonil pola zona.

Os traballos consisten na eliminación de especies invasoras, especialmente das acacias (mimosas) e eucaliptos, e na roza de toda esta franxa na avenida de Bos Aires. O acondicionamento permitirá dar máis luz á avenida e tamén mellorar as condicións de vida das especies autóctonas.

Tamén se fan estes traballos para eliminar a perigosidade dalgunhas árbores que están descalzadas e poderían caer á avenida de Bos Aires; tamén por sanidade ao eliminar os exemplares que están mortos ou enfermos, e que resultan perigosos nesta vía.

Estas labores estanse complementando coa poda e tala (nalgunha ocasión) de eucaliptos no perímetro exterior do Miradoiro. Son exemplares perigosos, moi pegados ás vivendas construídas na zona, que facilitarían a propagación do lume.

Ademais, estes traballos permiten unha articulación coherente de toda a plantación de árbores do Miradoiro, que no que vai de ano xa conta con arredor de medio cento de especies autóctonas plantadas polo servizo de Parques e Xardíns, que fan o mantemento deste pulmón verde da cidade.