Turismo de Pontevedra reparte 1.000 perlizadores de auga entre hoteleiros, hosteleiros e comerciantes

59

Reducir o consumo de auga e concienciar da necesidade de utilizar os nosos recursos dun xeito sostible. A concelleira de Turismo, Carlota Román, puxo en marcha a campaña “Un gran xesto que recompensa. Cada gota conta”, que consiste no reparto de dispositivos perlizadores que permiten aforrar ata un 50% de líquido nas billas.
Román presentou a campaña a representantes da Asociación de Hoteleiros, Centro Comercial Urbano Zona Monumental e Asociación de Hosteleiros. A Concellería, a través da empresa Turismo de Pontevedra, repartirá un total de 1.000 dispositivos entre os hoteleiros, hosteleiros e comerciantes da cidade. A recollida debe efectuarse na Casa da Luz.
A responsable municipal destacou que Galicia está a padecer a peor seca das últimas décadas, o que obriga aos poderes públicos, aos empresarios e aos comerciantes a adoptar todas as medidas necesarias para reducir o uso dun elemento que escasea cada vez máis. Román indicou que, neste caso, trátase dun simple xesto, unha chamada de atención que pretende trasladarse a un sector no que, polas características da súa actividade, existe un importante consumo de auga.
Os empresarios apoiaron esta iniciativa e indicaron que, aínda que hai tempo que xa están tomando medidas (entre elas a suxestión aos clientes de minimizar o uso de toallas), todo o que se faga neste eido sempre será pouco.
Os perlizadores-aireadores son dispositivos que se aplican á billa e misturan aire coa auga, de xeito que as pingas saen en forma de perla. Substitúe aos filtros habituais das billas e, aínda que reduce o consumo, o usuario non ten sensación de que proporciona menos líquido. Estímase que a redución á metade no gasto de auga, coa consecuente redución no consumo de enerxía para quentala, pode supoñer un aforro de 400 euros anuais para unha familia de máis de tres membros.