A Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, inicia mañá, 7 de abril, as actividades previas da I Xeira do Patrimonio Rural en Salcedo.
Será unha conferencia do arqueólogo Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoranos e do Consello Asesor do Patrimonio de Pontevedra, sobre arte rupestre galega que comezará ás 20.30 horas no local social de Cabanas-Salcedo (antiga escola unitaria) e a continuará cun roteiro nocturno guiado polo mesmo experto ás estacións de petroglifos da Esculca e Outeiro da Mina en Salcedo.
O percorrido noncturno é unha experiencia singular en por si, e máis aínda se o guía é o mellor comunicador que existe en Galiza sobre a materia, o arqueológo, etnógrafo, experto en toponimia e comerciante froiteiro Xosé Lois Vilar.
O obxecto da Xeira do Patrimonio é poñer a atención no rico e diverso patrimonio cultural das parroquias de Pontevedra, promovendo o seu estudo, conservación, recuperación e uso pola comunidade, tanto para fins sociais, coma educativos, culturais e turísticos. Trátase dun conxunto de bens de excepcional riqueza e interese, que deben ser obxecto dun plan sistemático de actuación impulsado polo Concello en colaboración coas entidades veciñais das parroquias: comunidades de montes, asociacións de veciños, culturais, centros escolares, etc.
A I Xeira do Patrimonio desenvólvese en Salcedo por ser esta unha parroquia que conta cun excepcional conxunto de bens patrimoniais entre os que se inclúen mámoas, castros, estacións de arte rupestre (petróglifos), a Misión Biolóxica, conxuntos de muíños, cruceiros e numerosas manifestacións do patrimonio inmaterial. O obxectivo do Concello é desenvolver nesta parroquia unha actuación integral de recuperación, difusión e dinamización deste valioso conxunto de bens.
Esta primeira actividade previa da Xeira do Patrimonio do Salcedo, continuará na vindeira semana coa seguinte programación:
• Sábado 14 de abril: Conferencia sobre a represión franquista na parroquia de Salcedo a cargo de Xosé Álvarez Castro (profesor e historiador). A partir das 20.30 horas na Casa da Sociedade de Salcedo.
• Domingo 15 de abril: Andaina pola parroquia de Salcedo. Saída ás 9.30 horas na capela de San Brais. Percorrido por Matalobos, Cabanas, muíños da Cancela, muíños do Batán, castro das Croas, Igrexa de Salcedo…
O día propio da Xeira do Patrimonio é o sábado, 21 de abril e terá a seguinte programación:
• 10.30 horas. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia
Saída do Campo de Cabanas
• 13.00 horas. Actuación da Banda de Música de Salcedo no Campo de Cabanas
• 14.30 horas. Xantar de confraternidade no Campo de Cabanas organizado polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. Xogos populares: chave, petanca, aro, corda… Actuacións musicais: Os Chichisos, Foula e Os Alegres
• Exposición de fotografías antigas da parroquia organizada polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. No local social de Cabanas do 21 ao 28 de abril.
• Exposición sobre a música na parroquia de Salcedo organizada pola Banda de Música de Salcedo (Asociación Músico-Cultural San Martiño). Na Casa da Sociedade os días 21 e 22 de abril.
A Xeira do Patrimonio é unha iniciativa compartida polo Concello de Pontevedra e as asociacións veciñais, de montes, culturais, deportivas, de nais e pais…, aberta a todas as asociacións e persoas que se animen a compartir este tempo de festa, de conversa e de arelas comúns.
As persoas interesadas en participar no xantar (prezo 12 euros/6 para nenos e nenas ata 8 anos) poden poñerse en contacto con algunha das asociacións de Salcedo ata o domingo 15 de abril.