O persoal do IMD fórmase na primeira atención en casos de paradas cardiorrespiratorias

45

Que facer diante dunha parada cardiorrespiratoria? O persoal de instalacións do Instituto Municipal de Deportes (IMD) participou hoxe nun curso de habilitación e reciclaxe para persoal non médico que os faculta para o uso de desfibriladores semiautomáticos (DESA).
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, asistiu á xornada e tivo ocasión de comprobar os coñecementos teóricos e prácticos impartidos ao persoal municipal. As prácticas de reanimación realizáronse con dous maniquís especiais, que simulan todo tipo de situacións.
Este tipo de cursos están regulados polo Decreto autonómico 99/2005 sobre o uso de desfibriladores externos por persoal non médico.
O Concello de Pontevedra conta con tres desfibriladores DESA que están situados no Pavillón Municipal, o pavillón multiusos da Xunqueira e o complexo de campos de herba sintética da Xunqueira. Agustín Fernández destacou que a utilización deste equipamento, adquirido o pasado ano, nunha emerxencia real aínda non foi necesaria, afortunadamente.