As choivas garanten un nivel de auga suficiente no Pontillón para a celebración da Copa de España de piragüismo

36

Pontevedra será a capital do piragüismo español durante esta primavera e o próximo verán. A cidade acollerá catro probas de rango nacional que traerán á pista do Pontillón do Castro aos mellores deportistas. A programación, impulsada pola Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo, traerán á cidade a máis de 3.000 persoas entre participantes e acompañantes, o que supón un novo impulso á ocupación hoteleira e o desenvolvemento socioeconómico.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do presidente da Federación, Alfredo Bea, presentou hoxe a primeira das probas, a celebrar esta fin de semana. A Copa de España sénior de 1.000 metros, na que está garantida a presenza de 600 palistas.
O encoro pontevedrés volverá ser escenario dunha competición nacional coa Copa de España sénior de 200 e 500 metros, a celebrar entre o 12 e o 13 de maio. A continuación, celebrarase a Copa de España de Cadetes Promesas de 1.000 metros, con datas previstas para o 26 e o 27 de maio. Finalmente, chegará o momento do Campionato de España de Novas Promesas (que á súa vez é o III Campionato de España por Federacións Autonómicas nas categorías de Infantís e Cadetes), a celebrar o 28 e 29 de xullo.
Agustín Fernández subliñou que as choivas destes últimos días acabaron con todas as dúbidas sobre a posibilidade de que a proba desta fin de semana tivera que ser suspendida por falta de cota no encoro, o que afectaría á integridade da pista de 1.000 metros.
Alfredo Bea confirmou que onte mesmo fixéronse probas no sistema automático de saída, situado no extremo da pista, e os resultados foron satisfactorios. O presidente da Federación agradeceu o apoio económico da Concellería de Deportes, que fai posible que Verducido acolla este ano tres das catro regatas que compoñen o calendario da competición nacional en pista.
Segundo datos oficiais, O Pontillón estaba esta mañá, ás 8 horas, a un 72,11% da súa capacidade e a lámina de auga situábase a 1,66 metros no nivel de coroación. O nivel está crecendo durante toda esta semana, aínda que a un ritmo algo máis lento do agardado, tendo en conta as precipitacións caídas. Hai confianza en que a situación sea aínda mellor para o sábado, dado que a situación óptima é a que se produce cunhas reservas por enriba do 80%.
A Copa de España estará precedida o venres polo control selectivo nacional, coa vista posta nos Xogos Olímpicos. No que atinxe á Copa de España van participar 78 clubs, dos que 25 son galegos. Haberá 270 embarcacións individuais, 223 dobres e 56 cuádruples. As entregas de medallas están programadas para o sábado ás 14 e ás 20 horas, e o domingo ás 12.35 horas.