Os éxitos do Club Squash Pontevedra son recoñecidos pola Concellería de Deportes

47

O squash tivo hoxe protagonismo no Concello de Pontevedra. Os catro deportistas do Club Squash Pontevedra que veñen de acadar importantes obxectivos individuais recibiron a felicitación do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
A expedición estivo composta por Sabela Rebollo Alfonso (13 anos), actual subcampioa galega sub 15 e seleccionada por vez primeira pola Selección Española para o Campionato de Europa; Iria Rodríguez González (15 anos), subcampioa galega sub 17 e que acudirá ao Campionato de Europa por terceira vez; Igor Vilariño García (14 anos), actual campión de España sub 15 e novo campión galego sub 17; e, finalmente, Pablo Quintana Estévez (11 anos), novo campión galego sub 13.
Mentres as mozas van participar no Campionato de Europa en Helsinki (Finlandia) o próximo mes de maio, aos mozos vailles tocar competir no próximo Campionato de España, que, anecdoticamente, celébrase en Vigo, nos baixos do estadio de Balaídos, coincidindo no tempo co derbi que disputarán o Celta e o Deportivo.
Os deportistas chegaron acompañados do director técnico, Miguel Novegil, e o presidente do club, Daniel Gil.
O Squash Pontevedra conta con medio centenar de xogadores novos con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos. Recolle, dende 2005, a traxectoria que marcaron anteriormente os clubs Budo e Galaico, o que lle permite atesourar o mellor palmarés de España en categorías de base.
Agustín Fernández animou aos catro deportistas locais a continuar esforzándose, pero sen esquecer a faceta dos estudos. Declarouse orgulloso dos resultados acadados e do labor que teñen feito poñendo en valor a cidade de Pontevedra e o seu deporte.