O Concello arranca co segundo tramo do paseo marítimo da avenida de Marín

74

O Concello de Pontevedra iniciou nestes días os estudos previos para a redacción do proxecto de continuación do paseo marítimo da avenida de Marín ata o concello veciño. Así o anunciou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera quen sinalou que nestes días estase a realizar o estudo topográfico de todo o ámbito de actuación dado que os estudos da Xunta e o do Concello non son o suficientemente detallistas neste punto.

Nos vindeiros meses os técnicos municipais terán un proxecto da segunda parte deste paseo, para que o Concello o presente ante o resto de administracións competentes neste trazado dado que a avenida de Marín nesa zona é propiedade do Ministerio de Fomento, e, incluso, a Xunta ten neste momento competencia polas obras do nó da PO-10.

César Mosquera adiantou que este proxecto dedicirá como solucionar o entronque coa actual pasarela de madeira de uso aos mariscadores, ou o seu paso polo Cabo, en Praceres, entre outros puntos do trazado do paseo.

"Na nosa idea está poder tramitar e arrancar este ano", sinalou César Mosquera, especialmente tendo en conta a receptividade das administracións provincial, autonómica e incluso da ministra de Fomento, na recente visita que fixo ao Concello de Pontevedra.