A loita contra a osteoporose chega a Pontevedra con probas de densitometría gratuítas e dúas conferencias

64

“Coñeces a saúde dos teus osos?” Con este lema chegou hoxe a Pontevedra a campaña de prevención da osteoporose, nutrición e actividade física. Está organizada pola “Fundación Educación, Deporte y Salud” (fe,dys) e a “Fundación Hispana de Osteoporosis y Enfermedades Metabólicas”. A coordinación dos actos previstos en Pontevedra correu a cargo da Concellería de Educación e Deportes.
O programa, que xa pasou con grande éxito por varias cidades galegas, ten parada en Pontevedra entre hoxe, luns, e mañá, martes. O obxectivo fundamental é ofrecer información sobre a prevención e tratamento da osteoporose, enfermidade que nos últimos tempos presenta unha incidencia cada vez maior.
Un dos principais atractivos do programa consiste na posibilidade de realizar unha proba de densitometría ósea de xeito totalmente gratuíto. Trátase dunha medición a través de ultrasóns, ao nivel do nocello. A proba é breve e moi completa. Ofrece unha medición de maior precisión que a tradicional radiografía. Os organizadores agardan chegar, cando menos, ás 800 densitometrías realizadas ao paso do programa polas cidades de Lugo e A Coruña.
Os concelleiros de Educación, Agustín Fernández, e Promoción Económica, Carlota Román, participaron hoxe na iniciativa practicándose senllas densitometrías.
As persoas interesadas tan só teñen que pasarse entre hoxe e mañá polo Pazo da Cultura, entre as 10 e 14 horas ou entre as 15 e as 18 horas.

CONFERENCIAS
Por outra banda, o programa refórzase hoxe, luns, con dúas charlas informativas destinadas a dous grupos de poboación moi distintos:
Ás 17.40 horas será a quenda dos adolescentes. Asistirán alumnos pontevedreses de 3º e 4º da ESO nun acto a celebrar no instituto de Ensino Secundario Sánchez Cantón. Ás 19.30 horas, a charla será no Pazo da Cultura e estará dirixida á poboación adulta, polo que a entrada é libre.
Serán impartidas pola especialista Sandra Fernández Carrera.
Nestas sesións preténdese transmitir a necesidade de realizar actividade física diaria como medida para evitar o sedentarismo e a obesidade futura, valorar os efectos dos tóxicos na saúde, explicar os fundamentos básicos da nutrición saudable entendendo o concepto de variedade e ración na dieta e coñecer a influencia que todos estes factores teñen ao respecto da posibilidade de padecer osteoporose nun futuro.