Logo de rematar o período de exposición ao público sen recibir ningunha alegación ou suxestión, o Concello de Pontevedra dá por aprobada a modificación da Ordenanza de circulación que regulariza a velocidade máxima nas vías municipais do rural a 30 quilómetros/hora.
O obxectivo da modificación da ordenanza é trasladar ás vías do rural, de titularidade municipal, os estándares de calidade, seguridade viaria e accesibilidade da que hoxendía gozan as rúas e travesías do centro urbano de Pontevedra.
Logo da súa aprobación, o artigo número 5 da Ordenanza de circulación queda redactado do seguinte modo:
“1º – O límite máximo de velocidade ao que poderán circular os vehículos polas vías urbanas definidas no artigo 2 da presente ordenanza, fíxase en 30 km/h, dentro dos parámetros establecidos no artigo 50 do Real Decreto 1428/2003, de 21 novembro.
2º – No restante viario municipal, os límites de velocidade ao que poideran circular os vehículos establécese en función da clasificación e caractaristicas da vía, sen superar os límites máximos que de seguido se relacionan e sen prexuízo das maiores limitacións que determinadas características das vías aconsellen así como aquelas concretas e puntuais referidas o en interseccións, cruces perigosos, curvas, trocos de rasante ou semellantes:
Tipo de vía con beirarrúas ou beiravías laterais para peóns e ciclistas. sen elas
estradas 60 km/h 40 km/h
travesías de núcleo 40 km/h 30 km/h
travesías urbanas 30 km/h 30 km/h
3º – En calquera tipo de vías municipais poderanse reducir estes límites, por acordo da autoridade municipal de goberno correspondente, polo procedemento establecido e previa audiencia ao movemento asociativo e as organizacións representativas dos intereses afectados recoñecidas pola lei, mantendo o obxectivo de harmonización coas demais vías urbanas, co viario de núcleo e, en xeral, co viario municipal.
4º – Aos efectos desta Ordenanza, entenderase como núcleo, ademais daqueles que se definen no planeamento xeral, aquelas zonas da periferia nas que exista actividade e/ou edificación de tipo residencial, comercial, dotacional, asistencial, industrial ou de outro tipo ou na que a posíbel afluencia de peóns e ciclistas aconselle considerala como tal”.