As obras de urbanización dos terreos de Tafisa estarán concluídas a finais de verán ou principios do outono

66

As obras de urbanización máis importantes de cantas se teñen acometido en Pontevedra durante os últimos anos, as correspondentes aos terreos da antiga fábrica de Tafisa, avanzan a bo ritmo e estarán concluídas a finais do verán ou a principios do outono. Así o constatou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, durante unha visita ao ámbito xunto co director xerente da promotora “Ponte Lérez”, Francisco Rubio.
Louro subliñou que a Unidade de Actuación número 7 (así está cualificada no Plan Xeral) acollerá algo máis de 800 vivendas repartidas en sete edificios, pero incorpora tamén os terreos onde se vai construír un hotel de catro ou cinco estrelas, “que vai ter unha situación magnífica”, e o futuro edificio das Artes, destinado a acoller aos alumnos da facultade de Belas Artes e das titulacións de Restauración de Bens Culturais e Deseño e Moda, “dous elementos dinamizadores que achegan valor engadido á cidade”.
Durante a visita comprobouse que as obras están executadas en máis dun 50% e xa son visibles a totalidade das rúas, parte das prazas e espazos públicos e as dúas glorietas. A rotonda que unirá o ámbito coa rúa de José Malvar está aínda incompleta, dado que é preciso ocupar parte desta vía. Tamén se comprobou a substancial ampliación da sección do Camiño Vello de Castela, que vai supor un alivio para o tráfico nesta zona.
Antón Louro expresou o apoio do Concello á promotora que está a executar as obras de urbanización e desexou que pronto presente a solicitude da licenza para o primeiro dos edificios. Francisco Rubio anticipou que este inmoble terá 262 vivendas (192 de venda libre e 70 protexidas) e que podería comezar a construírse pronto, dado que o ritmo de sinatura de contratos privados está sendo superior ao previsto. A día de hoxe son xa 109 as reservas (a última formalizada xusto no momento en que se producía a visita). Tamén hai contactos moi avanzados para a transmisión do gran baixo comercial, cunha superficie de 4.400 metros cadrados, deste inmoble, incluído o primeiro soto do garaxe.
As obras de urbanización que está a executar “Ponte Lérez” teñen un custo total de 4.835.920,60 euros.
O ámbito ten unha superficie total de 117.948 metros cadrados. A edificabilidade residencial prevista alcanza os 81.790 metros cadrados. Os bloques de edificios teñen alturas que van do baixo máis dúas plantas máis baixo cuberta ata o baixo máis seis máis baixo cuberta. A superficie total de uso comercial ascende a 14.510 metros cadrados. Admítese unha edificabilidade de ata 8.700 metros cadrados para o futuro hotel.
O proxecto de urbanización reserva unha parcela de 14.000 metros cadrados para o edificio das Artes. Contempla tamén dúas parcelas de equipamento con 594 e 642 metros cadrados respectivamente e, finalmente, sete zonas verdes e espazos libres que totalizan uns 32.120 metros cadrados.
A capacidade de aparcamento na zona chegará ás 2.211 prazas, das que 536 están no viario público e as restantes 1.675 nos garaxes dos edificios.