A Concellería de Educación introduce aos alumnos de Primaria nas técnicas da escrita creativa

36

Animar aos rapaces de Primaria non só a ler, senón, sobre todo, a escribir é o obxectivo do programa “O Cartafol do Lérez” que a Concellería de Educación volve poñer en marcha da man da editorial pontevedresa “Kalandraka”, responsable de varios éxitos editoriais no eido da literatura infantil e xuvenil.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe aos rapaces de Sexto curso do colexio Marcos da Portela, primeira parada desta iniciativa que, ata o próximo 8 de maio visitará un total de nove colexios para chegar a preto de 500 alumnos de 10 a 12 anos. Do éxito do programa dá boa conta o agradecemento expresado polo corpo docente e, en especial, da profesora a cargo destes alumnos: “Cando chega o Cartafol non nos queda outra que poñerlle a alfombra vermella”.
Os obradoiros teñen unha duración dunha hora por sesión e neles os rapaces son introducidos ao pracer da lectura, trabállase a sensibilidade estética, tanto no plano literario como no plástico, e desenvólvese a creatividade. Sen embargo, a nota máis distintiva é que se traballan as técnicas da redacción, o que permite acadar textos de gran calidade e desbordantes de imaxinación. Este ano, como novidade e para incidir aínda máis na asimilación dos conceptos, realízanse dous obradoiros por curso.
Agustín Fernández destaca que estamos diante da terceira edición dun programa que vén de colleitar un resoante éxito nas dúas anteriores. Co “Cartafol” a Concellería de Educación incentiva un xeito aberto e alternativo de aprendizaxe que vai máis alá do Ensino regrado e academicista. É un intento, engade o concelleiro, de crear cidadáns con habilidades lectoras e dotados para a escrita creativa. En suma, cidadáns máis cultos e, polo tanto, máis libres.
Con esta campaña chegarán tamén dous novos números do xornal impreso “O Cartafol do Lérez”, cunha tiraxe de 2.000 exemplares. Consiste nunha escolma dos traballos dos escolares que xa é referencia en toda Galicia. Unha publicación que non deixa de sorprender polas ocorrencias destes pequenos aprendices de escritor/a nas que se mesturan fantasía, crítica social e alusións á historia, a xeografía ou o patrimonio de Pontevedra. Ao tempo seguirase a traballar na versión dixital dos xornais, que poden descargarse no blog (www.ocartafoldolerez.org).
O concelleiro de Educación considera tamén de gran importancia o feito de que o programa supón unha forte aposta polas bibliotecas escolares. Cómpre reforzar estes espazos, dotándoos de actividades e tamén, por suposto, de libros. Cada colexio participante recibirá un lote de 20 títulos do catálogo da editorial pontevedresa.
Agustín Fernández entende que programas como “O Cartafol do Lérez”, que se suman a outros como o de apoio aos nenos/as con Trastorno por Déficit de Atención e/ou Hiperactividade (TDAH), demostran inequivocamente o compromiso municipal co Ensino Público, que vai moito máis alá das súas funcións e competencias legais. Especialmente nestes tempos de recortes e nos que as administracións central e autonómica compiten por ver quen erosiona máis este piar fundamental do Estado do Benestar.