Pontevedra celebra o Día Internacional da Bicicleta

50

O concelleiro de Mobilidade,  Luís Bará presentou esta mañá as actividades relacionadas coa promoción da bicicleta urbana, tal e como se acordou cos colectivos deste ámbito no Mesa da Bicicleta. Esta presentación coincidiu coa celebración do Día Internacional da Bicicleta, que se celebra hoxe, e arredor do cal a Concellaría de Mobilidade organiza diversas actividades.

A principal cita é a da pedalada que se celebrará este domingo, 22 de abril polas principais rúas da cidade. Sairá ás 11.00 horas dende a avenida de Montero Ríos e percorrerá distintas rúas céntricas "para que sexa máis visible e teña máis presenza na vida da cidade", segundo explicou o concelleiro.

Luís Bará confía en manter a afluencia de anteriores edicións, arredor de 700 persoas "e se existen factores imprevistos, como algunha alerta ou adverso meteorolóxico, poderíase suspender, pero iso saberémolo o venres ou sábado".

Aproveitando a comparecencia tamén fixo público o Decálo do Bicivismo que recolle que a bici é un medio de transporte seguro, cómodo e eficiente. Cada vez vemos máis bicis na cidade e isto supón unha mobilidade amábel, saudábel e respectuosa co medio. Para movernos en bici temos que atender unhas normas básicas de convivencia, seguranza e respecto:
1. Na cidade, circulamos pola calzada. O tráfico calmado permite a convivencia segura entre coches e bicis.
2. Nas zonas peonís non temos preferencia. Circulamos amodo e se é necesario baixamos da bici e imos a pé.
3. Nas sendas verdes respectamos a preferencia dos peóns e circulamos con prudencia.
4. Pola noite, farémonos ver: luz branca diante e bermella detrás.
5. Mantemos a bici en bo estado.
6. Temos coidado coas manobras bruscas, os cambios de direción e as intersecións.
7. Estacionamos nos lugares habilitados e coidamos a seguranza da bici.
8. A bici é un vehículo: non utilices os pasos de cebra coma se foses un peón e respecta os semáforos.
9. Non conducimos con auriculares: precisamos dos cinco sentidos!
10. Animamos a practicar o Bicivismo!

 

Ademais, nesta ocasión e a proposta dos colectivos relacionados co mundo da bici, farase unha Mostra da bici urbana aproveitando a participación do público na Pedalada. Esta mostra ensinará os diferentes tipos de bicis urbanas e tamén algunha de época. Nesta mostra tamén estará a bicicleta pública que xestiona a asociación Amencer.

A programación rematará o día 24 de abril cunha visita ao Concello de Pontevedra do "maior experto en mobilidade sustentábel do Estado": Alfredo Sanz, ideólogo do tráfico calmado e autor dun dos poucos libros sobre este tema editado polo Ministerio de Fomento Calmar el tráfico.

Esta visita consistirá nunha reunión de traballo con políticos e técnicos municipais, así como un acto público pola tarde que se celebrará na Casa das Campás.

 

Ver documento PDF
Ver documento PDF