Remata Pisando Forte co Curso de monitor de tempo libre

38

Este sábado ás 09.00 horas na Casa Azul, o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, despide aos 25 mozos e mozas que rematan esta fin de semana o curso de Monitores/as de ocio e tempo libre. O curso que comezou en xaneiro, remata a súa fase teórico-práctica de 200 horas que se desenvolveu durante os sábados e domingos destes 3 meses. A partir da superación desta fase, o alumnado terá que realizar a fase práctica para o cal dispoñen de 2 anos de prazo. 

Pola súa parte a Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra ofrecerá prazas para prácticas nos seus programas municipais "Noites Abertas " e "Ponteverán", ás que se sumarán as ofertas de prazas de empresas e entidades que colaboran coa Oficina de Xuventude.

O curso foi impartido pola Escola de Tempo Libre Paspallás, de recoñecido prestixio e leva dende o ano 1999 dedicándose á formación de educadores/as e impartindo formación de tempo libre.

O alumnado que supere finalmente as dúas fases obrigatorias do curso, acadará a titulación oficial de Monitor/a de ocio e tempo libre expedido pola Xunta de Galicia. Hai que dicir que se trata dunha formación moi demandada pola xente nova, debido á diversidade de opcións laborais que facilita e a que se trata dunha formación complementaria aos seus estudos.

Os cursos do programa PISANDO FORTE acadaron a súa máxima participación este ano. As prazas ofertadas foron cubertas e incluso nalgúns dos cursos se ampliaron para dar acollida a todas as persoas interesadas. Aínda así todos os cursos contaron cunha ampla listaxe de agarda, especialmente de mozos e mozas procedentes doutros concellos de Galicia.

Trátase dun programa de cursos gratuítos na maioría dos casos, dirixidos prioritariamente á mocidade pontevedresa de 16 a 35 anos en situación de desemprego.

Coa clausura do II curso oficial de Monitores/as de tempo libre este domingo, remata a última das accións formativas do Pisando Forte 2011 que volverá despois do verán a propoñer unha nova programación formativa para a mocidade gratuíta e subvencionada.

Para máis información: Oficina Municipal de Xuventude de Pontevedra, na rúa Sor Lucía, 2, 3º andar, teléfono 986 840367,  xuventude@pontevedra.eu