Salcedo repasa a historia da música na parroquia

36

O centenario local da antiga Sociedade de Agricultores de Salcedo, actual sede da Escola e da Banda de Música da parroquia, acolle esta fin de semana unha mostra retrospectiva sobre a música en Salcedo facendo un repaso á evolución desta actividade ao longo de máis de 60 anos.

A exposición componse de máis de 300 fotografías, documentos e obxectos que tratan temas como as distintas formacións musicais da parroquia: o histórico Quinteto de Salcedo, a Banda do Grelo, a Banda de Música, a Coral; os bailes da SCD Salcedo en Mollavao, novas de prensa, partituras, coplas satíricas dos maios, carteis, etc.
No capítulo de obxectos expóñense instrumentos tradicionais achegados polos Chichisos, utensilios agrícolas que se usaban para tocar, e diversos instrumentos antigos relacionados coas formacións musicais da parroquia, algúns deles de grande valor histórico e patrimonial.

A exposición, que permanecerá aberta o sábado 21 e o domingo 22, é unha iniciativa da Banda de Música de Salcedo dentro da I Xeira do Patrimonio do rural que se celebra en Salcedo o sábado 21 con un amplo programa de actividades.

  Programa da Xeira do día 21 de abril

O día propio da Xeira do Patrimonio é o sábado, 21 de abril e terá a seguinte programación:

• 10.30 horas. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia
   Saída do Campo de Cabanas
• 13.00 horas. Actuación da Banda de Música de Salcedo no Campo de Cabanas
• 14.30 horas. Xantar de confraternidade no Campo de Cabanas organizado polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. Xogos populares: chave, petanca, aro, corda… Actuacións musicais: Os Chichisos, Foula e Os Alegres
• Exposición de fotografías antigas da parroquia organizada polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. No local social de Cabanas     do 21 ao 28 de abril.
• Exposición sobre a música na parroquia de Salcedo organizada pola Banda de Música de Salcedo (Asociación Músico-Cultural San Martiño). Na Casa da Sociedade os días 21 e 22 de abril.

A Xeira do Patrimonio é unha iniciativa compartida polo Concello de Pontevedra e as asociacións veciñais, de montes, culturais, deportivas, de nais e pais…, aberta a todas as asociacións e persoas que se animen a compartir este tempo de festa, de conversa e de arelas comúns.