A parroquia de Salcedo celebra mañá o día central da I Xeira do Patrimonio, unha iniciativa compartida polo Concello e as asociacións veciñais, de montes, culturais, deportivas, de nais e pais… da parroquia, aberta a todas as asociacións e persoas que se animen a compartir este tempo de festa, de conversa e de arelas comúns.
A programación desta I Xeira do Patrimonio é a seguinte:
10.30 hora. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia. Saída desde o Campo de Cabanas-Salcedo. Os participantes desprazaranse a pé ata o Pazo de Gandarón co acompañamento musical do grupo Os Alegres e visitarán o conxunto formado polo Pazo, a capela, o hórreo e os xardíns así como os terreos da Misión e os edificios dedicados á investigacións científicas. (Esta actividade podería sufrir cambios en función das condicións meteorolóxicas).
12.30 h. Apertura das exposicións. Visita do Alcalde, concelleiros e representantes veciñais á exposición fotográfica “Salcedo memoria e vida” situada no local social de Cabanas na que se recollen máis de 300 imaxes da historia e a vida da parroquia de Salcedo ao longo de máis de un século.
Ao longo da tarde farase unha visita á exposición sobre a historia da música organizada pola Asociación Músico-Cultural San Martiño (Banda de Música de Salcedo) no local da antiga Casa da Sociedade de Agricultores, actual sede da escola e da banda de música da parroquia.
13 horas. Concerto da banda de música de Salcedo baixo a carpa instalada no campo de Cabanas. No traslado da banda empregaranse autobuses de época da empresa Cuiña, que colabora desinteresadamente coa organización.
14 horas. Actuación do grupo de música tradicional Os Chichisos. Sesión vermú e degustación de polvo no bar instalado no Campo de Cabanas.
14.45 horas. Xantar de fraternidade baixo a carpa do campo de Cabanas. Menú a base de empanada, entremeses, churrasco, sobremesa, café…
A partir das 16.30 haberá sesións de xogos populares como chave, petanca, aro, zancos, corda….
Ás 17 horas, actuación musical do grupo Foula.
Exposición fotográfica “Salcedo, memoria e vida”
O Local Social de Cabanas (antigo preescolar) acolle a exposición Salcedo, memoria e vida, coordinada polo historiador e antropólogo Rafael Quintía en colaboración coas entidades veciñais do consello parroquial. Estará aberta dende este domingo, 22 ao 29 de abril, en horario de 18 a 21 horas.
Esta exposición recolle 307 fotografías de diferentes temáticas: a escola, as xentes, familiar, casas, grupos, retratos, bautizos, casamentos, primeiras comunións, traballos, tempo de lecer (bailes, comidas, romerías, entroidos, fútbol, as festas do aninovo), territorio: Pazo de Campolongo, Misión Biolóxica, lugares urbanos, lugares rurais, o barrio de Campolongo…
Unha das curiosidades da exposición é unha fotografía da parroquia de Salcedo do ano 1956 na que aparecen todos os lugares e espazos de interese da parroquia de Salcedo. E aparece en comparación con outra máis actual (de 2005).
Esta exposición é un punto de partido para a creación dun Arquivo de Imaxes das Parroquias de Pontevedra.
O Pazo da Carballeira de Gandarón, capital da Cultural Científica Galega
Residencia pacega mandada construír a finais do século XVIII por Sebastián Malvar, arcebispo primeiro de Buenos Aires e despois de Compostela, natural do lugar da Cancela-Salcedo, fillo dunha familia de agricultores. No conxunto monumental destaca o propio Pazo, a forxa de Sargadelos empregada nas balconadas, a capela, o xigantesco hórreo, o pombal, a fonte, o miradoiro ou a antiga pousada, os xardíns que teñen varias árbores catalogadas como "Árbores Monumentais": Araucaria bidwill, Cedro do Líbano, Cedros azuis e Magnolia soulanxeana.
Sebastián Malvar e Pinto (Salcedo, 1745-Santiago de Compostela, 1795) foi promotor de importantes obras de arquitectura civil e relixiosa relacionadas con Pontevedra como a igrexa parroquial de Salcedo ou a ampliación do convento de San Francisco no que estudara de neno, actualmente sede da Delegación de Facenda.
A súa grande obra foi o Camiño e Real Plantío entre Santiago e Ponte Sampaio, xigantesca vía de comunicación que fixo que pasara á beira do Pazo de Salcedo e cuxo proxecto foi impulsado e rematado despois da súa morte polo seu sobriño e colaborador Pedro Acuña Malvar.
No ano 1927 o Pazo foi comprado pola Deputación Provincial presidida por Daniel de la Sota para sede da Misión Biolóxica de Galicia, institución científica creada en 1921 e que anteriormente estivera ubicada en Santiago ata 1927 (na actal sede de Parlamento de Galicia) e nunha finca de Campolongo.
A Misión Biolóxica de Galicia
A partir de 1928 a Misión, dirixida polo biólogo Cruz Gallástegui, convertiuse en centro punteiro das investigacións científicas para a mellora xenética do millo, a pataca e outras especies. Gallástegui promoveu tamén a creación dun Sindicato de Produtores para a distribución de sementes entre os agricultores, coa finalidade de mellorar o rendimento dos cultivos.
Ademais de Cruz Gallástegui, foron colaboradores da Misión na etapa inicial, grandes figuras da historia pontevedresa e galega como o biólogo e político Bibiano Fernández Osorio Tafall (que foi alcalde de Pontevedra en 1931 e que tamén era natural de Salcedo) e Alexandre Bóveda, que se encargou da contabilidade da Misión na etapa na que estivo comisionado por De La Sota para reformar a recadación provincial e crear a Caixa de Aforros Provincial, da que foi o primeiro director no ano 1930 cando Bóveda tiña 27 anos.
Cabe sinalar que a "reubicación" da Misión en Pontevedra primeiro e en Salcedo despois é coetánea da fundación do Museo Provincial (1927) outra das grandes empresas promovidas por De La Sota. As instalacións e as actividades científicas da Misión fóronse ampliando ao longo do tempo abarcando a mellora animal ou selección de variedades de vide para a mellora da produción vitivinícola.
Entre as novas edificacións cabe destacar o edificio deseñado polo arquitecto Alejandro De La Sota, fillo de Daniel De La Sota. Todas estes elementos fan da Misión un auténtico "santuario laico" da historia da ciencia galega e un lugar de visita obrigada para todas as persoas interesadas no coñecemento do patrimonio científico de Galicia.