Proba en galego remata mañá coa presentación do proxecto Abertos ao galego

69

As actividades da campaña Proba en galego, de promoción do galego no comercio local, rematan mañá coa presentación do proxecto Abertos ao galego, que A Mesa desenvolve para promover o uso do galego no ámbito empresarial. Carlos Callón, o presidente da asociación, será o encargado de explicar o proxecto.

A súa presentación será mañá, martes 24 de abril, ás 21.00 horas na sede do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra, rúa Blanco Porto,9.

Abertos ao Galego é un proxecto de colaboración coas empresas que apostan pola nosa lingua, sendo unha ferramenta para o apoio e promoción da actividade empresarial. Mais Abertos ao Galego tamén constitúe un espazo para a reflexión sobre as potencialidades do galego no ámbito económico e sobre o papel dos consumidores e das consumidoras na potenciación da lingua galega.

Por outra banda, en Abertos ao Galego hai espazo para empresas moi diversas e de ámbitos moi diferentes, o que permite crear unha rede de colaboración, que conta co asesoramento e a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, unha entidade con máis de 25 anos experiencia no ámbito da dinamización lingüística.

Esta actividade formativa encádrase dentro do calendario de eventos organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración co grupo de traballo da campaña Proba en galego, que busca promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa. As charlas, presentacións e obradoiros teñen como obxectivo principal incidir na normalización do uso do galego no sector do comercio e da pequena empresa, reflexionando sobre as vantaxes do uso do galego nas relacións comerciais e empresariais e presentando estratexias e boas prácticas para mellorar a comunicación coa clientela e coas empresas colaboradoras.