A Xunta négase a abonar 1 millón de euros pola ponte das Correntes

45

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera tivo que saír esta tarde ao paso das declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández cando afirmou no Parlamento galego que non ía cumprir coa obriga da Xunta de achegar 3 millóns de euros para o pago da ponte das Correntes.

Facendo un relatorio de feitos, César Mosquera explicou:

• 16/5/08 O Concello de Pontevedra asina o convenio da Ponte das Correntes coa Consellería de Política Territorial, sendo conselleira María José Caride na que as administracións se compromente a pagar o 50% da ponte ata un total de 3 millóns cada unha. Os excedentes correrían a cargo do Concello.
• 21/12/09 Addenda ao anterior convenio asinada polo actual consellerio Agustín Hernández mantendo os compromisos.
• 30/9/11 Sen reunir a comisión de seguimento do convenio, a Consellería anula a cantidade consignada polos orzamentos da Xunta de 2.190.069,64 euros para a Ponte das Correntes. A través dunha modificación de crédito interna deixa a cero esa partida.
• 15/11/11. O Concello entrega á Xunta todas as certificacións de obra ata un importe de 6  millóns de euros. Tal e como recolle o convenio.
• 2/12/11. A Xunta reenvía ao Concello unha proposta de addenda do convenio coa seguinte financiación:
o 2011- cero euros
o 2012: 427.000 euros
o 2013: 900.000 euros
o 2014: 862.000 euros.
O Concello de Pontevedra acorda non aceptar a sinatura desta addenda dado que a maior carga do pago da ponte recaería no goberno entrante da Xunta.

“Trátase dunha orde política mandada polo Partido Popular pontevedrés, ao que pertende o propio conselleiro Agustín Hernández”. Nestes termos posicionábase o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera quen asegurou que “é inaudito que a Xunta se escude en que acabou a vixencia do convenio a 31 de decembro e se negue a abonar 1 millón de euros, cando esta non é a forma de proceder entre institucións”.
O conselleiro asegurou esta mañá que só pagaría 13 das 25 certificacións emitidas pola empresa e ratificadas polo Concello de Pontevedra en prazo. O Concello xa adiantou os cartos da Xunta, polo que os 6 millóns de euros xa están pagados.

“Non sei que mal lle faría Pontevedra ao Partido Popular porque a quen lle van quitar o millón de euros é aos cidadáns”, manifestou.

César Mosquera explicou que “non nos imos quedar quietos. Asístenos toda a razón tanto política como xurídica, pero agardo que remita todo este delirio que lle deu ao Partido Popular de Pontevedra”.

Lembrou que o Concello de Pontevedra amosou toda a súa disposición a ser comprensivo cos problemas económicos das administracións… pero non acatamos imposicións porque esto é un roubo descarado”. Asegurou que tanto nas reunións mantidas o ano pasado do presidente da Xunta como co propio conselleiro se tratou de reconducir as deterioradas relacións que a administración autonómica tiña coa cidade de Pontevedra “pero este tipo de actuacións non as agardabamos”.

Concluíu César Mosquera que “confiemos en que recapaciten, porque, senón, esto é unha declaración de guerra en toda regla”.