Pontevedra volve a ser sede do Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Educación Física

30

Pontevedra acollerá os vindeiros 10, 11 e 12 de maio o VIII Seminario estatal de nutrición, medicina e rendemento e o IV Congreso Internacional  de Ciencias do Deporte e da Educación Física, que foi presentado esta mañá polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e polo director do Congreso, Víctor Arufe.

O Congreso traballará en seis áreas: saúde; lecer e tempo libre; didáctica da educación física e iniciación deportiva; rendemento deportivo; xestión e organización deportiva; e ciencias sociais e psicoloxía. E traerá á cidade do Lérez arredor de 400 participantes de Haití, Bélxica, Colombia, Brasil, México, Portugal… polo que será un importante escaparate para a cidade de Pontevedra.

Neste congreso participarán conferenciantes de recoñecido prestixio galegos, españois, portugueses e do Brasil como o profesor Amauri Aparecido Bassoli, traballador do Ministerio de Deporte de Brasil.

Miguel Anxo Fernández Lores destacou “a importancia de citas como esta para que o sector económico da cidade poida sacar a maior rendibilidade e nos permite proxectar Pontevedra cara afora”.