Lores pide unha reunión urxente a Feijóo para coñecer o seu posicionamento sobre a ponte das Correntes

70

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores solicitou esta mañá unha reunión urxente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo “porque considero que ante a última agresión intolerable, coñecida onte, ao respecto de incumprir os compromisos que o goberno galego tiña con Pontevedra, e coa cidadanía de Pontevedra sobre a ponte das Correntes, quero coñecer a súa posición, directamente”.

Explicou que na última entrevista mantida co presidente da Xunta, o pasado mes de xullo, “transmitinlle o meu deseño ter unhas relacións institucionais de lealdade en beneficio dos cidadáns, posición que compartiu publicamente, pero que non se corresponden coas decisións tomadas ultimamente. Especialmente polo conselleiro de Medio Ambiente”.

“Esa posición do PP pontevedrés representado polo recén elixido portavoz municipal e polo conselleiro, que escenificaron no Parlamento onte, significa unha agresión intolerable á cidade de Pontevedra. E quero saber si foi un descoido de dúas persoas ou si é un posicionamento que comparte o presidente da Xunta”, concluíu o alcalde.

“Vou esgotar todas as vías de diálogo posible, nun prazo razoable de tempo. Si se me confirma esa posición, eu defenderei os intereses de Pontevedra por todos os medios posibles”, asegurou Fernández Lores.

“Ademais quero lamentar profundamente o comportamento do señor Moreira, -triste comportamento- e do conselleiro que son militantes do Partido Popular pontevedrés, porque sempre que teñen ocasión de defender os intereses dos cidadáns de Pontevedra defenden, o contraio. É un triste papel que eu quero hoxe resaltar para o que coñeza a cidadanía”, denunciou o alcalde de Pontevedra.

O alcalde asegurou que non hai medias tintas: “ou hai unha vontade de colaborar e facer un convenio, ou non”. Asegurou que “non hai escusa. E é un tema o moi grave… Levo dende setembro pendente doutra entrevista co conselleiro para concretar cousas; hai máis dun mes enviouse unha relación de temas para tratar; e estou á espera. Non ten escusa. Quero que o presidente, que é máis serio que todo iso, me dea as explicacións pertinentes, e logo eu actuarei en consecuencia, en representación dos cidadáns de Pontevedra, porque a miña obriga é defender os intereses dos cidadáns de Pontevedra”.

Miguel Anxo Fernández Lores non acepta mediadores porque “o alcalde de Pontevedra fala co presidente da Xunta ou do conselleiro correspondente, as relacións institucionais se entenden entre os representantes das institucións. O mínimo respecto que merecen os cidadáns a través do seu alcalde é que os representantes das institucións dean as explicacións pertinentes”.


Carta:

Estimado Presidente,

Tal e como lle transmitín na última reunión que celebramos, o pasado día 16 de xullo, este Concello ten o máximo interese en manter un clima de cordialidade e lealdade institucional co resto das administracións públicas, e nomeadamente coa Xunta de Galicia.

É por iso que teño a ben solicitarlle a celebración dunha xuntanza urxente na que sexa posíbel aclarar a situación de todos os asuntos que na actualidade realizamos en común entre as dúas institucións.


Coma sempre, reciba un saúdo agarimoso,


Miguel Anxo Fernández Lores